Nova: O mosteiro de San Martiño de Xubia, en Narón, recibe preto de 120.000 euros para a súa rehabilitación
06/09/2017
O mosteiro de San Martiño de Xubia, en Narón, recibe preto de 120.000 euros para a súa rehabilitación
A Consellería de Cultura actuará neste conxunto arquitectónico para reparar a cuberta da igrexa, a torre do campanario e o paramento exterior do mosteiro
Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, investirá 118.702,91 euros na rehabilitación do mosteiro de San Martiño de Xubia, en Narón, unha actuación que contempla a reparación da cuberta da igrexa, da torre do campanario e do paramento exterior do mosteiro.
A formalización do contrato de obras, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80%), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e pode consultarse na seguinte ligazón .
En concreto, os traballos consistirán na substitución completa da cubrición da igrexa, repoñendo os elementos existentes e colocando novas pranchas de fibrocemento e tella curva tipo árabe. Tamén se substituirán elementos estruturais, táboas e listóns do falso teito danados ou inservibles; enlazarase planimetricamente a pendente do faldón sur e disporanse novos canlóns no faldón sur da igrexa e no faldón este da sancristía.
A maiores, na fachada norte e este (sancristía) substituirase os recebos, e no interior da igrexa repararanse puntualmente os paramentos interiores deteriorados. Pola súa banda, na torre do campanario disporase, na saída das escaleiras, un novo templete superior, substituíndo o existente.
Ben de Interese Cultural
O conxunto actual de San Martiño de Xubia, declarado Ben de Interese Cultural con categoría de monumento, está composto pola igrexa románica e as antigas dependencias monásticas anexas ao sur da mesma. O templo é o único resto do mosteiro medieval, posto que das primitivas dependencias non quedan máis que algúns restos illados.
A igrexa, de estilo románico, foi edificada en 1137 por orde do conde de Traba. O edificio, sito no lugar de Couto, posúe planta basilical e tres naves. Posúe tres ábsidas semicirculares que se abren ás naves mediante arcos de medio punto peraltados, sustentados por semicolumnas acaroadas e cubertas con bóvedas de medio canón. Ademais, ten un sepulcro gótico do cabaleiro Rodrigo Esquío, do século XV; mentres que exteriormente presenta unha fachada reconstruída e unha torre austera do século XVIII. A maiores, conserva un anaco do claustro do mosteiro.