Nova: Atardecer no Gaiás consolídase no verán con 24 actuacións e máis de 5.800 asistentes

01/09/2014

Atardecer no Gaiás consolídase no verán con 24 actuacións e máis de 5.800 asistentes

O concerto de clausura coa banda británica Toy, La Maravillosa Orquesta del Alcohol e o pop irreverente de Los Punsetes foron algúns dos espectáculos máis aplaudidos polo público

  • Imaxe dun dos espectáculos no Gaiás Imaxe dun dos espectáculos no Gaiás
  • Imaxe dun dos espectáculos no Gaiás Imaxe dun dos espectáculos no Gaiás
  • Imaxe dun dos espectáculos no Gaiás Imaxe dun dos espectáculos no Gaiás

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destaca a consolidación de Atardecer no Gaiás, o ciclo co que a Cidade da Cultura lle pon música ás tardiñas do verán. Un total de 24 bandas conformaron este ano unha cuarta edición que rematou o sábado a ritmo da banda británica Toy e unha posterior festa de despedida na Cantina do Gaiás. Máis de 5.800 persoas gozaron destas actuacións.

Os londinienses despregaron todo o seu rock psicodélico nunha praza exterior que contou cun ambiente menos chill-out que o de costume e onde combinaron temas do seu segundo traballo ‘Join the Dots’ con cancións do seu disco debut homónimo.

Coa actuación dos británicos, rematan dous meses de actuacións en pequeno formato coas que animar as tardes dos xoves, venres e sábados de verán. A pesar do mal tempo que nalgúns dos concertos, especialmente de xullo, obrigou a trasladar o escenario da praza ao interior, Atardecer no Gaiás confirmouse como unha cita xa clásica da axenda do verán.

Este ano, un total de 5.843 persoas se achegaron ata o Gaiás para gozar coas 24 actuacións que integraron esta cuarta edición que, un ano máis, contou cunha gran variedade de estilos: do pop á clásica, pasando polo rock, o jazz ou a psicodelia.

De María Rodés á Orquestra de Cámara
Ademais do concerto de despedida coa banda británica Toy, entre os concertos con maior afluencia desta cuarta edición destacan o protagonizado polo sexteto burgalés La Maravillosa Orquesta del Alcohol, que coa súa mestura de folk, blues, country e rock and roll atrapou ao público congregado na praza exterior, ou o gamberrismo pop dos madrileños Los Punsetes.

Especialmente notables foron tamén os concertos de María Rodés, que coa súa voz intimista cativou a todos os presentes na sala Eisenman; o folk do trío Talabarte; o flamenco contemporáneo da bailaora Melisa Calero e o guitarrista José Torres; e as actuacións sempre exitosas da Orquestra de Cámara Galega dirixida por Rogelio Groba. Sen esquecerse do concerto de presentación celebrado na praza do Toural de Santiago, onde a banda coruñesa Sensacional exerceu de mestre de cerimonias desta nova edición.

Toda unha variedade de estilos e espectadores que fixo posible esta cuarta edición do Atardecer no Gaiás, ciclo co que gozar da música e do propio complexo da Cidade da Cultura ao caer a tarde nun ambiente relaxado e para todos os públicos.

Comparte