Nova: Os Premios Camiño de Santiago 2017 recoñecen a contribución da sociedade galega na preservación dos valores xacobeos
24/10/2017
Os Premios Camiño de Santiago 2017 recoñecen a contribución da sociedade galega na preservación dos valores xacobeos
Román Rodríguez e Nava Castro entregaron hoxe estes galardóns a institucións, asociacións, empresas, investigadores e colexios cuxas iniciativas destacan pola súa contribución ao mantemento, difusión e mellora da peregrinación compostelá
Recolleron o seu recoñecemento o Concello de Melide, a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo, a empresa Ideas Peregrinas, o proxecto ‘Spin Way’ da RedEmprendia, a Cátedra do Camiño de Santiago da Universidade Nicolás Copérnico de Torun (Polonia) e o colexio A Merced da localidade de Sarria
Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2017.- Os gañadores dos Premios Camiño de Santiago 2017 recolleron hoxe os seus galardóns, cos que a Xunta de Galicia recoñece a contribución da sociedade galega na preservación dos valores xacobeos. O conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, entregaron as distincións aos sete premiados nesta edición.
O acto, celebrado no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela, forma parte do programa conmemorativo polo 30 aniversario da declaración da ruta xacobea como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, que comezou onte e se estenderá ata novembro.
Distribuídos en catro categorías, os Premios Camiño de Santiago recaeron nesta ocasión no Concello de Melide, polo seu labor de embelecemento, limpeza e posta en valor da ruta ao seu paso polo municipio e a sinalización de recursos naturais e patrimoniais. No segundo apartado, destinado a recoñecer iniciativas ou actuacións promovidas polas asociacións de amigos do Camiño de Santiago, o galardón foi parar á Federación Española de Amigos do Camiño de Santiago, que desde hai máis de 25 anos promove encontros e congresos e coordina un programa permanente de hospitaleiros voluntarios, e á Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Lugo, que mantén un salientable labor na nosa Comunidade.
En terceiro lugar, os premios distinguiron á empresa Ideas Peregrinas de Tui, onde conta cun albergue e espazo de acollida, e á RedEmprendia pola iniciativa Spin Way que implicou a estudantes de diferentes países. Finalmente, a categoría destinada a premiar actividades de carácter académico, investigador ou educativo foi a parar a mans da Cátedra do Camiño de Santiago da Universidade de Torun (Polonia) e ao Colexio A Merced de Sarria (Lugo).
Xacobeo 2021, obxectivo estratéxico
Román Rodríguez fixo fincapé en que a preparación do Xacobeo é “un dos obxectivos estratéxicos de Goberno e estamos xa traballando arreo para chegar a esa cita histórica en óptimas condicións.” “En 2021, explicou o conselleiro, o mundo volverá poñer o seu ollar sobre Compostela e sobre Galicia, e estaremos en disposición de ofrecerlle o mellor de nós”.
Así mesmo, Rodríguez destacou “a importancia que os Camiños de Santiago teñen na construción de Galicia”, recoñecidos pola actual Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, como manifestación singular do patrimonio cultural, como un conxunto de territorios históricos de valor universal excepcional. Xunto a el e a directora de Turismo de Galicia, participaron na entrega destes premios o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, ademais dos secretarios territoriais en Lugo e en Pontevedra, Marta Barreiro e Ramón Pereiro.
Tarefa colectiva desde o diálogo
Pola súa banda, Nava Castro subliñou que os galardoados “amosan que a ruta xacobea é unha construción colectiva, feita desde a convivencia e o diálogo”. Neste sentido, lembrou que os premios afondan nos obxectivos sinalados polo Consello de Europa no seu manifesto con motivo da efeméride. “Os galegos –afirmou a directora de Turismo– soubemos asumir como pobo, con gran dedicación e entusiasmo, a tarefa encomendada polo Consello de Europa de revitalizar todos os itinerarios xacobeos para, por riba de diferenzas e intereses, construír unha sociedade fundada na tolerancia, o respecto, a liberdade e a solidaridade”.
Coa vista posta no próximo Ano Santo, lembrou o traballo xa avanzado co Plan director do Camiño de Santiago, aprobado en 2015 cun investimento de 56 millóns de euros, cos que a Xunta está a responder “ás necesidades actuais da peregrinación”, caracterizada pola súa internacionalización, con 177 nacionalidades entre os 286.000 peregrinos chegados.
Encontro coa Federación Europea
Previo á entrega dos Premios Camiños de Santiago, Nava Castro reuniuse cos membros do Comité Técnico da Federación Europea do Camiño de Santiago, á que se incorporou o Principado de Asturias. A xuntanza, na que participou tamén o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, celebrouse no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino da rúa Carretas.
Actividades no mes de novembro
O programa conmemorativo por este 30 aniversario, que esta semana contou con seis citas diferentes en dous días, continuará en novembro con novas actividades. O 6 de novembro celebrarase un Encontro dos Itinerarios Culturais Europeos no Centro Superior de Hostelería de Galicia. E esa mesma semana, do 9 ao 11, terá lugar o X Congreso Internacional de Estudos Xacobeos Iacobus Patronus, no Hostal dos Reis Católicos, con expertos de varios países coordinados pola Cátedra do Camiño de Santiago e as peregrinacións da USC.
Por último, do 16 ao 18 de novembro, organizarase o seminario internacional Transnational Tourism Themes and Routes, promovido por Turismo de Galicia, a Organización Mundial do Turismo (OMT) e a European Travel Comission (ETC), cita que contará coa presenza dos responsables de ambos organismos, integrantes de institucións tan relevantes como a Unesco, o Parlamento e a Comisión Europea, o Instituto Europeo de Rutas Culturais, a Asociación Europea de Turismo, Ibertur ou a Federación Europea de Cidades Napoleónicas.