Nova: Manuel Rivas recibe o Premio Celanova, Casa dos Poetas
07/09/2014
Manuel Rivas recibe o Premio Celanova, Casa dos Poetas
Celanova (Ourense), 7 de setembro 2014.- O escritor e periodista Manuel Rivas recibiu hoxe o premio Celanova, Casa dos Poetas. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou na entrega deste trixésimo galardón.
No acto de entrega do premio tamén estiveron presentes, entre outros, o presidente da Fundación Curros Enríquez e alcalde de Celanova, José Luís Ferro Iglesias; o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero; e o músico e escritor, Xurxo Souto, encargado das palabras de gabanza ao premiado. Neste tiveron lugar as actuacións do Grupo de Gaitas do Concello anfitrión e do grupo Zoar Ensemble. O premio Celanova, Casa dos Poetas, ten como obxectivo homenaxear a un galego que ao longo da súa vida destacara pola súa defensa dos valores culturais de Galicia.
Perfil do galardoado
Manuel Rivas, escritor, ensaísta, poeta e periodista nado na Coruña, desenvolveu a súa obra fundamentalmente en lingua galega e varias das súas novelas foron adaptadas ao cine. Desde moi novo traballou en prensa: El Ideal gallego, La Voz de Galicia e El País, así como en Televisión de Galicia; ademais foi subdirector de Diario 16 en Galicia. As súas reportaxes e artigos están reunidos en O periodismo nun conto (1997), Muller no baño (2003) e A corpo aberto (2008). Unha mostra da súa poesía está recollida na antoloxía O pobo da noite’(1997) e A desesperación da neve (2009).
Como narrador obtivo, entre outros, o Premio de la Crítica española por Un millón de vacas (1990), o Premio da Crítica en Galego por En salvaxe compaña (1994), o Premio Nacional de Narrativa por Que me queres, amor? (1996), o Premio da Crítica española por O Lapis do carpinteiro (1998) e o Premio Nacional de la Crítica en Galego por Os libros arden mal (2006), considerada como unha das grandes obras da literatura galega e elexida Libro do Ano polos Libreiros de Madrid. Todo é silencio (2010) foi finalista do Premio Hammett de novela negra. En 2011, Alfaguara publicou os seus contos reunidos baixo o título O máis estraño. As voces baixas (2012) é a súa última novela.