Nova: Subvencións de 350.000 euros da Agadic a 19 compañías para 24 accións de promoción

08/09/2014

Subvencións de 350.000 euros da Agadic a 19 compañías para 24 accións de promoción

Ata o 30 de setembro manterase aberto o prazo para a seguinte quenda de solicitudes

Estas axudas insírense no programa xeral de fomento das empresas culturais galegas para 2014, no marco do que se destina 1,48 millóns de euros, un 11,27% máis que en 2013, ás cinco convocatorias centradas especialmente nos sectores escénico e musical
 

Santiago, 8 de setembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resolveu a concesión de axudas a 20 empresas culturais galegas para levar a cabo un total de 24 iniciativas de distribución de espectáculos escénicos e musicais, así como de promoción exterior en feiras e mercados profesionais. Trátase da segunda adxudicación realizada ao abeiro da convocatoria de subvencións á distribución para as industrias culturais, que conta cunha dotación total de 350.000 euros.

Esta liña de apoio insírese, á súa vez, no programa xeral de axudas 2014 que o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad desenvolve a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e que no caso concreto do sector escénico e musical supón un investimento de 1.480.000 euros –un 11,27 % máis que en 2013– que se materializa mediante cinco convocatorias públicas.

A prioridade das subvencións á distribución é impulsar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, ao tempo que se promove a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos diferenciais. A través desta segunda resolución apóianse 24 propostas presentadas por 19 compañías galegas (que se veñen a sumar ás outras 50 iniciativas que xa compuxeron a listaxe da primeira quenda de adxudicatarios feita pública o pasado 4 de agosto), entre as que se atopan produtoras e distribuidoras escénicas, promotoras musicais e galerías de arte.

Resultado de baremo
As contías variables das adxudicacións, resultado da aplicación estrita do baremo establecido nas bases da convocatoria, oscilan entre os máis de 9.660 euros cos que se financiará a xira española de Voadora oa a distribución en Galicia de espectáculos como ‘Menú do día’ (8.695 euros) ou ‘Da Vinci tiña razón!’ (9.531,42 eiros), ata asignacións máis pequenas para a viaxe puntual de espectáculos a distintos destinos ou para a presenza en feiras especializadas de dentro e fóra de España.

O prazo de solicitude para este tipo de subvencións permanecerá aínda aberto ata o próximo 30 de setembro. As propostas poden seguir remitíndose á Agadic, preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es ), pero tamén en soporte papel mediante calquera dos outros medios que establece a convocatoria.

Estas axudas á distribución forman parte dunha convocatoria xenérica que inclúe tamén as referidas ás salas privadas de exhibición escénica e ao asociacionismo profesional por un importe total de 460.000 euros. Ademais, este ano complementáronse cunha resolución específica para a promoción exterior, que reservaba 20.000 euros para asistencia ao MICSUR (Mercado de Industrias Culturales del Sur), que se desenvolveu do 15 ao 18 de maio na cidade arxentina de Mar del Plata e á que foron especialmente convidados varios representantes de empresas culturais galegas tralos contactos establecidos durante a celebración do MICAtlántica a finais do ano pasado na Cidade da Cultura de Galicia.

En 2014 tamén foron publicadas as axudas á produción escénica (600.000 euros), festivais profesionais de artes escénicas e musicais (360.000 euros) e festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado (40.000 euros).

A listaxe completa de adxudicatarios e contías pode consultarse en http://www.agadic.info/gfx/axudas/axudas_distribucion_14_segunda_resolucion.pdf

 

Comparte