Nova: Setenta creadores novos intercambian experiencias no Gaiás

09/09/2014

Setenta creadores novos intercambian experiencias no Gaiás

Os participantes nesta cuarta edición do ‘Encontro de Artistas Novos’ presentarán ata o venres o seu proxecto artístico

A Cidade da Cultura pon en marcha un concurso de proxectos que levará a un ou varios participantes a realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk

  • Cartel do EAN 2014 Cartel do EAN 2014

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria converte desde hoxe e ata o venres o Gaiás nun punto de encontro entre creadores consolidados e emerxentes. Será na cuarta edición do ‘Encontro de Artistas Novos’, no que 70 participantes – dun total de 347 aspirantes a participar no encontro- presentan desde hoxe os seus proxectos artísticos ao tempo que comparten experiencias con figuras como Lois Patiño, Din Matamoro, Dora García e José Manuel Ballester.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director do encontro, Rafael Doctor; e a directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura de Galicia, María Pereira, foron os encargados de darlles a benvida aos 70 participantes, a quen convidaron a aproveitar estes catro días de convivencia para favorecer a reflexión creativa e o intercambio de coñecementos.

Durante a recepción celebrada na Sala Eisenman do Gaiás, o secretario xeral de Cultura agradeceu a resposta dos preto de 400 artistas emerxentes que participaron no encontro durante as súas catro edicións e recordou a aposta que realiza a Consellería de Cultura e Educación por seguir impulsando unha iniciativa consolidada e de referencia no ámbito da arte contemporánea.

Pola súa banda, María Pereira amosoume convencida de que “esta nova edición do ‘Encontro de Artistas Novos’ contribuirá á dinamización da vida artística de Galicia e do resto de España” e afirmou que “con este fin poñemos á vosa disposición todas as posibilidades que ofrece a Cidade da Cultura, desexando que vos sirva de estímulo motivador e inspirador e, ao mesmo tempo, como escaparate ao mundo dos vosos traballos, das vosas creacións e, en definitiva, da vosa arte”.

Primeira sesión do Foro Aberto
Participantes e relatores participantes no encontro realizaron unha visita guiada pola Cidade da Cultura de Galicia antes de dar comezo ao programa formativo/expositivo, que como novidade deste ano arrancou coa primeira sesión do Foro Aberto, no que os participantes expoñen ante os seus compañeiros, comisarios e críticos de arte presentes nesta cuarta edición.

Catro días de experiencias e reflexións
Nestes catro días de convivencia, os 70 alumnos poderán entrar en contacto con outras traxectorias e procesos de produción artística a través dunha serie de conferencias impartidas por artistas de recoñecido prestixio nos circuítos nacionais e internacionais da arte contemporánea como o artista audiovisual Lois Patiño, o pintor Din Matamoro, Dora García e o Premio Nacional de Fotografía en 2010 José Manuel Ballester.

Xunto cos artistas, os participantes convivirán con observadores que apoian aos novos creadores e que queren estar ao corrente das novidades do artista emerxente e os seus proxectos artísticos. Guillermo Espinosa, Javier Díaz-Guardiola e Semíramis González serán os críticos, comisarios ou xornalistas culturais que participen nesta edición.

Bolsas para 70 creadores
Os 70 artistas emerxentes seleccionados obteñen unha bolsa que inclúe a matrícula de inscrición no IV Encontro de Artistas Novos, estancia en réxime de pensión completa no complexo do Monte do Gozo de Santiago de Compostela desde o luns 8 de setembro ata o venres 12 de setembro e transportes diarios desde alí ata a Cidade da Cultura.

Intervención nas Torres Hejduk
Como complemento a todo isto, a Cidade da Cultura de Galicia pon en marcha por segundo ano consecutivo un concurso entre os participantes do ‘Encontro de Artistas Novos’ para a realización dunha intervención artística nas Torres Hejduk, dándolles a oportunidade de ocupar un espazo polo que xa pasaron figuras consagradas como Pamen Pereira, Ramón Conde ou Ana Soler.

Os participantes desta edición terán ata o 11 de outubro para presentar un proxecto expositivo para as Torres Hejduk, que será producido pola Cidade da Cultura e exposto durante tres meses no complexo.

Con esta iniciativa, a Cidade da Cultura quere seguir prestando o seu apoio aos artistas emerxentes e contribuíndo na difusión da súa obra, obxectivo que se recolle na celebración do propio Encontro e que contou con iniciativas previas como ContainerInside, proxecto colectivo composto por traballos dos participantes da primeira edición do Encontro e que formou parte da exposición Inside en 2012, ou a intervención colectiva ‘En ningún lugar’, proxecto gañador do anterior edición do EAN a cargo de Juan Cañamero, Iago Eireos, Miguel Ángel Moreno Carretero, Ana Esteve Reig, Alejandro Ramírez Ariz e Pablo Martínez Muñiz comisariados por Carlos Delgado Mayordomo

O nome do proxecto gañador darase a coñecer o 20 de outubro e a intervención artística abrirase ao público no mes de novembro deste ano.

 

Comparte