Nova: O Teatro Principal de Ourense ofrece 29 funcións de teatro, danza e música

09/09/2014

O Teatro Principal de Ourense ofrece 29 funcións de teatro, danza e música

A Rede Galega de Teatros e Auditorios achegarán os seus últimos espectáculos Ilmaquinario Teatro, Teatro do Morcego, Tanxarina Títeres e Caramuxo Teatro

O escenario ourensán acollerá o 3 de outubro a estrea da produción do Centro Dramático Galego, dependente da Consellería, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas

Grandes nomes da dirección e a interpretación española, como Miguel del Arco, Juan Carlos Pérez de la Fuente, Daniel Veronese, Nuria Espert, Ana Belén, Clara Lago, Natalia Dicenta ou a bailarina Teresa Nieto están presentes na programación
 

  • Teatro Principal de Ourense Teatro Principal de Ourense

Ourense, 9 de setembro de 2014.- A nova temporada de programación escénica e musical do Teatro Principal de Ourense ofrecerá ata finais de decembro un total de 29 funcións de teatro e danza, ademais de concertos de distintos estilos.

En representación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na rolda de prensa sobre a nova carteleira cuadrimestral xunto aos responsables do teatro: a directora, Olga Mojón; e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense.

Sutil referiuse ao calendario de actividade do Teatro Principal como membro da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) e destacou a estreita e continuada colaboración entre Cultura e Educación e o espazo ourensán, ao que cualificou como “centro cultural de referencia incuestionable”. O director da Agadic engadiu que esta dinámica de traballo “contribúe á finalidade común de acadar a máxima difusión das artes escénicas na nosa Comunidade”.

O escenario, membro da RGTA desde 2007, o circuíto para a distribución de espectáculos galegos promovido e cofinanciado pola Xunta de Galicia, programa por esta canle as últimas producións de compañías galegas como Ilmaquinario Teatro, que escenificará a súa montaxe Perplexo o 31 de outubro e o 1 de novembro; Teatro do Morcego, que representará Diálogo entre un can e o seu amo o 20 de decembro; e as obras para público infantil A casa do avó, de Tanxarina Títeres; e As fabas máxicas, de Caramuxo Teatro, que poderán verse os días 28 e 29 de decembro, respectivamente.

Éxitos nacionais
As propostas feitas en Galicia comparten carteleira cunha variada representación de montaxes e artistas de éxito a nivel nacional, como son os casos de Dalí versus Picasso, producida polo Teatro Español baixo a dirección de Juan Carlos Pérez de la Fuente; La violación de Lucrecia, protagonizada por Nuria Espert; Kathie y el hipopótamo, baixo a dirección de Magüi Mira; Teatro para pájaros, de Histrión Teatro; En un lugar del Quijote, de Ron Lalá en coprodución co Centro Dramático Nacional, a peza de danza Petí comité, de Teresa Nieto; o espectáculo de improvisación teatral Jamming; ou La venus de las pieles, interpretada por Clara Lago, entre outras.

Estrea ourensá para Carlos Casares
O director da Agadic anunciou tamén que Teatro Principal de Ourense acollerá, así mesmo, a estrea e as funcións previas da primeira produción da temporada do Centro Dramático Galego: o espectáculo realizado a partir da obra de Carlos Casares As laranxas máis laranxas de todas as laranxas. A nova produción da compañía pública estreará nesta ocasión fóra da súa sede de Santiago de Compostela para levar á cidade das Burgas, tan vinculada co seu autor, esta reposición da montaxe xa realizada en 2004.

Biaxo a dirección escénica do luso-brasileiro José Caldas, dirección musical do galego Bernardo Martínez e interpretación a cargo de Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González, Ailén Kendelman Mouzo, Fran Lareu e Laura Villaverde, a peza iniciará en Ourense o seu período de exhibición de dous meses por toda Galicia, coa estrea oficial o 3 de outubro ás 20:30 horas e dous pases previos os días 1 e 2 de outubro para público docente e outros colectivos concertados.

A programación do Teatro Principal de Ourense para os próximos meses complétase con outras citas como os ciclos ‘En clave de cámara’, (dedicado a pequenas formacións de música clásica), ‘Blues no Teatro Principal’, ‘Voces femininas’, unha nova edición do FITO (Festival Internacional de Teatro de Ourense), ou o concerto especial de Nadal que ofrecerá o 23 de decembro a Orquestra Sinfónica Estatal de Chisinau.

 

Comparte