Nova: O CDG relata nun blog o proceseo escénico do seu novo espectáculo
10/09/2014
O CDG relata nun blog o proceseo escénico do seu novo espectáculo
'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas', baseado no texto de Carlos Casares, estase a ensaiar en Santiago de Compostela cara a súa estrea o 3 de outubro en Ourense
A bitácora recollerá as principais novidades e curiosidades relacionadas co proceso artístico e técnico da montaxe deste espectáculo, ademais de todos os recursos gráficos e materiais complementarios
O director de escena, José Caldas, e o director musical, Bernardo Martínez, traballan co elenco integrado por Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman Mouz, Fran Lareu e Laura Villaverde
Santiago, 10 de setembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de poñer en marcha un blog específico para a difusión do novo espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG), As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, que se está a ensaiar no Salón Teatro de Santiago cara a súa estrea o vindeiro 3 de outubro no Teatro Principal de Ourense.
A nova ferramenta dixital, que nace co obxectivo de compartir o desenvolvemento do proceso artístico e técnico da montaxe, vai destinada ao público familiar e escolar ao que se dirixe esta proposta escénica coa que a compañía pública abrirá a súa temporada de actividade 2014-2015.
Así, no enderezo electrónico aslaranxasmaislaranxasdetodasaslaranxas.wordpress.com iranse detallando as principais novidades e curiosidades arredor da creación, estrea e xira do espectáculo, ademais de toda a documentación da obra, recursos gráficos, materiais complementarios de promoción e cadernos didácticos. A través do blog tamén se terá acceso ás plataformas ‘online’ de venda de entradas durante o período de distribución que se prolongará ata finais de decembro por distintos escenarios galegos.
Desde o pasado luns 1 de setembro, o director escénico, Jose Caldas, e o director musical, Bernardo Martínez, que xa foran en 2004 os responsables da montaxe deste texto para o CDG, traballan xunto ao elenco de catro actores-músico-cantantes que darán vida aos personaxes ideados por Casares: Alba Blanco Taín (no papel de Veciña Sabida), Alberte Cabarcos (Elías), Davide González Lorenzo (Veciño Gordo), Ailén Kendelman Mouzo (Veciña Desdentada), Fran Lareu (Veciño da Escopeta) e Laura Villaverde (Anxa).
Unha recreación
Os membros do equipo realizan tamén as súa achegas ao blog, que xa reflicte senllos textos de Alberte Cabarcos, no que explica en primeira persoa o proceso de construción de personaxes; e de José Caldas, que apunta as súas primeiras impresións a pé de obra e conclúe que o resultado deste traballo non será unha mera reposición da obra xa estreada polo CDG hai dez anos senón unha recreación diferente do texto, xa que diferentes son tamén os intérpretes que o están a levar a cabo.
Os dous directores deseñaron un espectáculo no que se integra o conto de Casares A galiña azul, así como textos doutras obras súas que se utilizan para as letras das cancións que entoarán en directo os seis actores que conforman o reparto.
As laranxas máis laranxas de todas as laranxas está considerada como unha das principais contribucións de Carlos Casares ao ámbito da literatura infantil e xuvenil, galardoada en 1973 co I Premio de Literatura Dramática para a Infancia e a Mocidade da Asociación Cultural ‘O Facho’.
Disparate de movemento e fantasía
Trátase dunha historia fantástica, que inaugura o teatro destas características na literatura infantil galega. Non en van afirmaba o seu autor que a peza era “un disparate continuo de movemento e fantasía”. Herdeira do ‘nonsense’ e do surrealismo, provoca a risa e induce curiosidade e expectación, sentimentos que van pouco a pouco aumentando na medida en que se amorean os acontecementos. Enlázanse conversas absurdas, comportamentos estrafalarios, esaxeracións ao límite, personificación de animais ou animación de obxectos, sempre á beira do cotián, rozando a normalidade.
Escrita nun único acto e localizada no ambiente rural galego, a historia comeza co nacemento de cinco laranxas xigantes e moi estrañas no limoeiro da horta da casa de Elías e Anxa. Unha delas estoura cando o amo da casa a toca. Co estrondo do estoupido acoden os veciños, e a partir de entón comezan a ocorrer anécdotas insólitas, ilóxicas, mesmo disparatadas, absurdas e moi divertidas.