Nova: O poemario 'Nimbos' de Díaz Castro ve a luz en inglés
10/09/2014
O poemario 'Nimbos' de Díaz Castro ve a luz en inglés
O novo volume da colección Galician Classics, traducido por John Rutherford, contribuirá a dar a coñecer no exterior a obra do homenaxeado coas Letras Galegas 2014
A Coruña, 10 de setembro de 2014.- John Rutherfod realiza a primeira tradución ao inglés do poemario Nimbos. Deste xeito, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe a difundir no exterior a obra de Xosé María Díaz Castro. Baixo o título de Halos, que acaba de ver a luz na colección Galician Classics –promovida pola Xunta de Galicia e Small Station Press–, o volume permitirá dar a coñecer no mercado anglosaxón os versos do escritor homenaxeado coas Letras Galegas 2014.
Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente, anunciaron hoxe na Coruña a publicación da obra no marco da presentación da exposición ‘Nimbos de luz’, que se pode visitar ata o vindeiro 16 de setembro na Biblioteca Pública Miguel González Garcés.
Nimbos en inglés, italiano, ruso e éuscaro
Para dar a coñecer no exterior a obra de Díaz Castro, así como para impulsar a proxección internacional da literatura galega, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad tamén promoveu este ano as traducións de Nimbos ao ruso, realizada pola directora do Centro de Estudos Galegos de San Petersburgo, Elena Zernova, e ao italiano, obra que inaugurou o proxecto Letras Galegas no Mundo de Cultura e Educación. Xunto con estas edicións conmemorativas, a Consellería tamén promoverá proximamente a versión ao éuscaro do poemario de Díaz Castro.
Celebración das Letras Galegas
A edición en inglés de Nimbos enmárcase na ampla programación de iniciativas impulsadas pola Xunta de Galicia para conmemorar as Letras Galegas 2014, entre as que destaca a exposición itinerante Nimbos de luz. A mostra exhíbese estes días na Biblioteca Pública Miguel González Garcés, onde foi presentada esta mañá polos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística.
Durante o percorrido polos 14 paneis que conforman este proxecto expositivo, os secretarios xerais estiveron acompañados pola directora da biblioteca, María del Mar Lauroba, e por Armando Requeixo, comisario, xunto con Luís González Tosar e Alfonso Blanco, desta iniciativa que afonda na traxectoria vital e profesional do escritor homenaxeado este ano coas Letras Galegas.
A mostra compleméntase coa proxección do documental O instante eterno, de Xosé Antón Cascudo, que analiza a figura do escritor de Guitiriz co obxectivo de dar a coñecer a súa traxectoria vital e literaria, e inclúe tamén unha unha selección de obras do autor realizada pola biblioteca. Así mesmo, póñense ao dispor da cidadanía folletos ilustrativos nos que se reflicte o contido do proxecto.
Desde o pasado mes de maio, o centro bibliotecario coruñés promoveu a realización de diversas iniciativas para celebrar as Letras Galegas 2014, entre as que se inclúen unha guía de lectura, unha exposición bibliográfica, un relatorio sobre o autor a cargo de Xesús Manuel Valcárcel e unha actividade para darlles ao coñecer aos máis novos o escritor de Guitiriz.
Próximas paradas
No seu percorrido polas catro provincias galegas ao longo de todo deste ano, que comezou en Guitiriz, terra natal do poeta, o pasado 19 de febreiro, coincidindo co centenario do seu nacemento, e que proseguiu por Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Estrada, Redondela, Vilagarcía de Arousa, Mondoñedo e A Coruña, a exposición chegará a Lugo o vindeiro 18 de setembro, onde se poderá visitar na biblioteca nodal ata o día 30 deste mes.
Xa en outubro, a mostra poderase ver en Ourense na Casa da Xuventude, do 2 ao 16, e en novembro, na Casa da Cultura da Rúa, do 18 ao 3. A mostra rematará a súa andaina no concello ourensán de Celanova, do 16 ao 30 de decembro, logo de facer parada no concello coruñés de Cee tamén no mes de Nadal, do día 1 ao 14.