Nova: As tendencias artísticas actuais nas Xornadas de Música Contemporánea

11/09/2014

As tendencias artísticas actuais nas Xornadas de Música Contemporánea

Artistas galegos e internacionais participan na nova edición do ciclo, que terá lugar do 3 de outubro ao 1 de novembro en diversos espazos da capital de Galicia

A Cidade da Cultura será o escenario do concerto didáctico de Zoar Ensemble e o pianista Nicasio Gradaille, mentres que o CGAC acollerá unha instalación sonora de João Ricardo de Barros e diversos concertos da programación

  • Diego García Rodríguez dirixe á Orquestra Sinfónica de Galicia nun concerto especial para as Xornadas de Música Contemporánea Diego García Rodríguez dirixe á Orquestra Sinfónica de Galicia nun concerto especial para as Xornadas de Música Contemporánea
  • Anxo Lorenzo na presentación do ciclo musical Anxo Lorenzo na presentación do ciclo musical
  • Anxo Lorenzo na presentación do ciclo musical Anxo Lorenzo na presentación do ciclo musical
  • Anxo Lorenzo na presentación do ciclo musical Anxo Lorenzo na presentación do ciclo musical

Santiago, 11 de setembro de 2014.-  As Xornadas de Música Contemporánea 2014 difundirán as tendencias artísticas actuais. Recoñecidos artistas galegos e internacionais participan na nova edición deste ciclo dedicado á creación musical contemporánea, que se desenvolverá do 3 de outubro ao 1 de novembro en diversos espazos da capital de Galicia.

Na presentación do ciclo, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor o esforzo colectivo das distintas entidades e institucións por sacar adiante “un programa ambicioso, de alta calidade musical”, ao abeiro da colaboración e coordinación entre o Concello de Santiago de Compostela, a Consellería de Cultura e Educación, a Universidade de Santiago, o Consorcio de Santiago, o Consorcio para a Promoción da Música, o Centro Nacional de Difusión Musical e o Instituto Nacional de las Artes Escénicas y la Música.

Tamén destacou como un labor fundamental que “as institucións contribuamos a favorecer o desenvolvemento permanente das artes, con espazos para a exploración e para a expresión dos novos discursos e linguaxes que interesan e moven os creadores do noso tempo”. Nese sentido, afirmou que a música contemporánea ten nestas xornadas “unha plataforma fundamental para o diálogo entre músicos, pero tamén para que o conxunto da poboación poida achegarse a sentir estas novas propostas”.

Diversos espazos e públicos
Para a difusión dos eventos musicais, o ciclo incorpora espazos diversos e públicos, entre os que se inclúen auditorios, museos, igrexas e lugares abertos como a praza das Praterías. A Consellería de Cultura e Educación contribúe a esta difusión a través da Cidade da Cultura de Galicia e do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

O CGAC será o escenario, o 4 de outubro, do concerto de Ensemble Ixor, ás 18:30 horas, e dunha viaxe ao tradicional e innovador afastado Oriente da man da pianista Elisa Vázquez Doval, ás 20 horas. Tamén acollerá o concerto de Lytos e o quinteto de vento Zoar Electric, o 5 de outubro ás 20 horas; do espectáculo do pianista, compositor e músico de jazz ferrolán Pablo Seoane, o 12 de outubro á mesma hora; e da actuación do pianista cubano radicado en Galicia Alejandro Vargas, o 26 de outubro ás 20 horas.

Programación didáctica e familiar
As Xornadas de Música Contemporánea tamén propoñen unha programación didáctica, infantil, xuvenil e familiar a través de diversas propostas, entre as que se inclúe un concerto co quinteto de vento Zoar Ensemble e o pianista Nicasio Gradaille, na Cidade da Cultura, o 12 de outubro.

O CGAC será o escenario das outras tres iniciativas desta programación para novos públicos, cunha sesión interdisciplinar e educativa co Trío Arbós, o 11 de outubro; cunha instalación sonora do artista plástico e musical portugués João Ricardo de Barros Oliveira, o 18 e 19 de outubro; e mais cunha actividade para achegarlles a música aos máis pequenos a través de diferentes técnicas experimentais, que contará coa Orquestra do Espazo de Cámara da Universidade, o 26 de outubro.

Artistas galegos e internacionais
A Real Filharmonía de Galicia será a encargada de inaugurar as Xornadas de Música Contemporánea, o 3 de outubro no Auditorio de Galicia, coa estrea dunha nova obra do compositor italiano Mauro Montalbetti e baixo a dirección de Jonathan Webb. A Orquestra Sinfónica de Galicia, o Cuarteto Vogler, o Taller Atlántico Contemporáneo, Vertixe Sonora Ensemble e artistas como a violinista Leticia Moreno e o pianista Bertrand Chamayou tamén forman parte do cartel da nova edición das xornadas, que se pode consultar en www.cultura.gal.

A presentación das xornadas tamén contou coa presenza do alcalde de Santiago, Agustín Hernández; de Miguel Ángel Recio, director xeral do Instituto Nacional das Artes Escénicas y la Música (INAEM); de Antonio Moral, director do Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM); de María Antón, concelleira de Cultura; de Dolores Álvarez, vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC; de Beatriz González Loroño, directora–xerente da Fundación Cidade da Cultura; de Andrés Lacasa, xerente do Consorcio para Promoción da Música; de Miguel von Hafe, director do CGAC e de José Victor Carou, director–xerente do Auditorio de Galicia.

Creación musical contemporánea
No seu obxectivo de impulsar programacións centradas na difusión da creación musical contemporánea, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad tamén proseguirá en outubro coa programación do ciclo Do Audible, cunha nova sesión que terá lugar o vindeiro día 11 na Casa das Ciencias da Coruña.

Comparte