Nova: Os servizos bibliotecarios galegos recibirán 550.000 euros en 2018 para actualizar as coleccións

21/12/2017

Os servizos bibliotecarios galegos recibirán 550.000 euros en 2018 para actualizar as coleccións

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de subvencións de 2018 para incorporar á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia novidades editoriais en galego, así como diverso material para actualizar as coleccións

Os concellos poden presentar as solicitudes ata o vindeiro 22 de xaneiro

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2017.- A Consellería de Cultura e Educación publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se convocan as subvencións de 2018 para incorporar á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia novidades editoriais en lingua galega, así como material diverso –libros, discos, DVD, partituras etc.– para enriquecer e actualizar as coleccións bibliográficas.

A Secretaría Xeral de Cultura destina un total de 550.000 euros a estas dúas liñas de subvencións, dirixidas aos concellos galegos, que se publican conxuntamente nunha mesma orde, por vez primeira, para facilitar o labor dos concellos, grazas á simplificación dos trámites para presentar as solicitudes.

Por unha banda, o obxectivo da Secretaría Xeral de Cultura coas axudas para a adquisición de novidades editoriais, dotadas con 200.000 euros, é que as bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de Galicia teñan ao dispor dos seus usuarios e usuarias as obras máis recentes publicadas en galego no momento da súa entrada no mercado. Para iso, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo habilitou a plataforma electrónica https://novidadeseditoriais.xunta.gal para a compra de libros en formato físico por parte das entidades locais, en función da demanda das súas bibliotecas e de acordo cos requisitos establecidos nesta orde.

Unha vez adxudicada a subvención por un valor económico que se establece segundo os parámetros da poboación á que atende cada servizo bibliotecario municipal, este poderá seleccionar os títulos incluídos nunha plataforma electrónica na que incorporarán as súas novidades editoriais todas as empresas editoras que publiquen en galego, que tamén serán as encargadas da distribución directa de cada libro solicitado aos centros beneficiarios.

Materiais para actualizar as coleccións

Estas axudas complétanse coa liña de subvencións para actualizar as coleccións bibliográficas, a través da compra de monografías (tanto libro infantil como libro dirixido as persoas adultas), material sonoro (discos e vinilos), videogravacións (DVD, Blu-Ray), recursos electrónicos (CD-ROM, DVD-ROM ou calquera outro formato para videoxogos), partituras e material cartográfico (mapas e planos). Estes materiais, para os que se destinan 350.000 euros, deberán estar dirixidos ao mantemento ou renovación da colección e terán por obxectivo o préstamo a domicilio ou a consulta dentro das instalacións da propia biblioteca.

Favorecer a planificación das adquisicións

Ambas as subvencións convócanse este ano conxuntamente, por vez primeira, e antes de que comece o ano próximo, para favorecer que as técnicas e os técnicos bibliotecarios municipais dispoñan dunha marxe maior para planificar as adquisicións de novidades e melloras para as coleccións das bibliotecas e, así, incrementar a oferta e o servizo ás persoas usuarias, atendendo, de forma especial as campañas de verán e de Nadal, nas cales se incrementa en gran medida a demanda deste servizo.

Entre os requisitos para optar ás axudas establécese que as bibliotecas ou axencias de lectura pública municipais receptoras dos fondos bibliográficos deberán estar integradas na Rede de bibliotecas de Galicia antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, ter un horario de apertura ao público dun mínimo de 15 horas semanais e ter informatizada a xestión da biblioteca ou da axencia de lectura.

Ademais, as entidades locais que soliciten subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas deberán ter realizado no período comprendido entre o 1 de maio de 2017 e o 31 de decembro de 2017 un investimento na adquisición de fondos bibliográficos con destino á biblioteca ou axencia de lectura pública municipal, con cargo aos orzamentos do concello. Este investimento deberá ser igual o superior ao 20% da cantidade máxima que se pode conceder a través das axudas.

As bases completas das axudas poden consultarse no Diario Oficial de Galicia, nesta ligazón.

Contías das axudas

A contía do importe dos fondos bibliográficos a que poderá acceder cada entidade beneficiaria determinarase en función do número de habitantes de cada concello solicitante, e vai dos 500 euros para as localidades de menos de 2.000 habitantes ata os 3.500 euros para os concellos de máis de 50.000.

Posibilitar a mellora e a actualización dos fondos bibliográficos que configuran as coleccións das bibliotecas públicas municipais de Galicia para dar cumprida resposta á demanda das persoas usuarias é o principal obxectivo desta convocatoria de subvencións promovida pola Consellería de Cultura e Educación, que, ao mesmo tempo, contribúe a impulsar o sector editorial galego.

Comparte