Nova: Román Montesinos exhibe fotografías inéditas na Casa de Galicia en Madrid

10/09/2014

Román Montesinos exhibe fotografías inéditas na Casa de Galicia en Madrid

O fotógrafo galego xa conta no seu haber con 34 exposicións individuais previas a esta 

  • Fotografía metafórica de Román Montesinos Fotografía metafórica de Román Montesinos
  • O fotógrafo galego Román Montesinos exhibe na Casa de Galicia obras inéditas da súa "fotografía metafórica" O fotógrafo galego Román Montesinos exhibe na Casa de Galicia obras inéditas da súa "fotografía metafórica"

Madrid, 10 de setembro de 2014. - "Metáforas, continxencias, circunloquios... e outras guindas" é o título baixo o que o fotógrafo coruñés Román Montesinos presenta na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia unha mostra inédita da súa obra, que el cualifica de "fotografía metafórica" ou "metáforas visuais" e que algúns denominaron "poesía visual". Este recoñecido autor establece relacións entre obxectos en aparente discordia e enlázaos producindo efectos que sorprenden o espectador e nos que predominan os dobres sentidos e, con frecuencia, un humor subxacente. A exposición pode verse ata o próximo 28 de setembro nas salas B e L.

Na inauguración da mostra, que tivo lugar esta tarde, Montesinos estivo acompañado polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen observou que "xa polo título pode comprenderse que esta non é unha exposición de fotografía calquiera senón que pertence á orde das intelixentes, das que propoñen pensar". “Díxose que a arte de Román Montesinos é conceptual, metafórico, que gusta dos dobres sentidos e dos paradoxos. Eu engadiría que ademais é unha fotografía literaria, pois o seu autor recoñece a importancia que nela teñen os seus títulos, que dan a clave do que persegue, se ben as interpretacións poden ser múltiples", valorou, apreciando que "algunhas das súas obras poden lerse como auténticos poemas visuais, como o do barco de papel atracado no peirao, absolutamente inefable".

Segundo Montesinos, "o título da mostra é o reflexo perfecto do que se vai poder encontrar todo aquel que visite esta exposición". O artista explicou que cada unha das súas obras ten polo menos unha proposta, que pode ser interpretada de distintas formas, e recordou que dende o seu Coruña natal non só percorreu os 580 quilómetros que a separan de Madrid senón que tamén transitou 34 exposicións individuais previas a esta.

"A súa forma de ver a fotografía é periférica. Non é o que ve, senón o que transforma o seu cerebro, recreando a realidade con outra realidade, percibida por el e que nola comunica a nós con imaxes sorprendente", di de Montesinos o tamén fotógrafo galego Carlos Valcárcel, autor do prólogo do catálogo da exposición. "A el as persoas e os obxectos axúdanlle a pensar, para logo expresar os seus pensamentos coa linguaxe da fotografía", engade Valcárcel.

Montesinos é doutor en Xeoloxía pola Universidade de Oviedo, especializado en Paleontoloxía; foi profesor na Facultade de Bioloxía da Universidade de León durante nove anos e actualmente imparte clases na Universidade da Coruña. Os seus inicios na fotografía datan de finais dos anos sesenta e na actualidade posúe unha extensa produción fotográfica.

 

Comparte