Nova: A primeira mostra monográfia de Antón Patiño afonda nos sentimentos oceánicos

16/09/2014

A primeira mostra monográfia de Antón Patiño afonda nos sentimentos oceánicos

A exposición Océano está composta por unha ducia de pezas de gran formato

Poderá visitarse ata o vindeiro 30 novembro na sala de exposicións temporais do Museo do Mar de Galicia
 

  • Unha peza da exposición 'Océano' Unha peza da exposición 'Océano'
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad,  inaugurou hoxe no Museo do Mar de Galicia a exposición ‘Océano’, do artista monfortino Antón Patiño O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe no Museo do Mar de Galicia a exposición ‘Océano’, do artista monfortino Antón Patiño
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad,  inaugurou hoxe no Museo do Mar de Galicia a exposición ‘Océano’, do artista monfortino Antón Patiño O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe no Museo do Mar de Galicia a exposición ‘Océano’, do artista monfortino Antón Patiño

Vigo, 16 de setembro de 2014.- A exposición Océano, do artista monfortino Antón Patiño, inaugurouse hoxe no Museo do Mar de Galicia, nun acto ao que asitiu o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.  A mostra reúne un total de doce pezas de gran formato, na que o pintor trata de plasmar no lenzo o amplo abano de sensacións que provoca o mar, como a soidade, o sopor, o medo ou a liberdade, entre outras.

O titular de Cultura e Educación subliñou que nesta mostra “o visitante poderá ver e sentir o propio Océano de xeitos distintos, pois as obras que configuran esta mostra non se coñecen só pola vista, senón que se perciben con todos os sentidos, dun xeito case sinestésico”.

Vázquez Abad rematou a súa intervención agradecendo a Antón Patiño a implicación “emocional e artística nun proxecto tan especial como complexo”, ao mesmo tempo que convidou ao público a “gozar coa Arte do protagonista”.

Composición da mostra
Nesta exposición o creador achégase ao ideal do sentimento oceánico mediante amplos trazos en cor azul ultramar, branco mineralizado, verdes líquidos ou negros de loito e tormenta. Mediante o emprego do verniz e diversos pigmentos o autor trata de atraer a memoria emocional do espectador en distintos bloques monográficos.

O drama do mar está amplamente representado nesta mostra, con obras que lembran as catástrofes ecolóxicas nas costas galegas como as do “Polycommander”, “El Casón”, ou “El Mar Egeo”, e máis recentemente o “Prestige”. Este relato culmínao a obra “Arquivo da Desfeita”, formada por pequenas pezas de madeira con restos de chapapote con releve, e vai acompañada pola proxección de imaxes dun caderno, que Patiño foi facendo con recortes de xornais e que agora desenvolve nun diario visual.

Os chamados fogos de San Telmo, aos que pregaban os mariñeiros nos días de tormenta, conforman a súa composición “Noites de Treboada”, na que se representan os brelos das descargas eléctricas no ceo como unha constelación na noite. O cadro amosase como un escuro abismo con partículas metalizadas.

A obra “Memoria branca”, está composta por unha ringleira de cadros que conforman unha superficie de máis de dez metros de longo que abrangue ollos, dornas, esferas ou siluetas espectrais sobre o fondo dun branco mineralizado, sucado polo brelo e lóstregos representados co verniz ocre alaranxado ata o vermello.

Rexistros cromáticos
Fronte a esta obra sitúase “Redes”, unha evocación á posta do sol. Trátase da pintura policromática expandida por unha maraña. Por outra banda “Ollos de boi”, é unha creación que conforma un todo coa parede, composta por ocos cativos que pretenden comprimir a inmensidade do mar ao alcanzar a liña do horizonte.

Desde a perspectiva das profundidades mariñas desenvólvese “Memoria Subacuática”, que con case seis metros de longo e cun rexistro cromático de verdes e azuis, pretende mostrar ao espectador a transparencia do mar.

Para rematar o autor recrea a lendaria “Furna de Fingal”, sita na illa de Staffa, nas Hébridas Interiores, en Escocia. Mediante un tríptico e cun xogo de horizontais e verticais, dende o interior da mesma, achega as columnas de basalto cunha masa de azul.

 

Comparte