Nova: O CGAC acolle o curso de cinema ‘Derivas da modernidade'

17/09/2014

O CGAC acolle o curso de cinema ‘Derivas da modernidade'

O prazo de matrícula para inscribirse permanecerá aberto ata o próximo 22 de outubro

O curso está homologado e recoñecido con un crédito universitario pola USC
 

  • Curso de cinema 'Derivas da modernidade' Curso de cinema 'Derivas da modernidade'

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2014.- O Centro Galego de Arte Contemporánea, en colaboración co Cineclube de Compostela, acolle o curso de cinema ‘Derivas da modernidade. Do cinema clásico ao cinema moderno. Intuicións, eclosións e ecos dos novos cinemas da modernidade (1950- 1980)’ dirixido por José Manuel López, experto en comunicación audiovisual, e organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A día de hoxe xa está aberto o prazo de matrícula e os interesados poderán inscribirse nel ata o vindeiro 22 de outubro, día de inicio do mesmo.

O curso traza un panorama xeral sobre a revolución que supuxeron os novas producións cinematográficas nos anos 60, as súas intuicións na década dos 50 e os seus ecos nas décadas posteriores.rUnha revolución que se opuxo ao chamado cinema clásico e que marcou o comezo da modernidade.

A actividade combina sesións temáticas e transversais como o neorrealismo italiano, a Nouvelle Vague ou o novo Hollywood, con outras monográficas dedicadas aos principais cineastas dos anos 50, 60, 70 e 80 como Robert Bresson, Orson Wells, Jean- Luc Godard, Eric Rhomer ou Martin Scorsese entre outros moitos autores. Nas sesións proxectaránse escenas claves para a análise dos filmes máis representativos deste período decisivo da historia do cinema.

O curso, que vai dirixido a profesores, estudantes e todas aquelas persoas interesadas no cinema, terá lugar no auditorio do CGAC os mércores en horario de 19,00 a 20,30 horas, entre o 22 de outubro deste ano e o 6 de maio de 2014.

Os alumnos matriculados en calquera dos títulos de grao da Universidade de Santiago de Compostela (USC) poderán solicitar o recoñecemento dun crédito pola súa realización. Ademais, o curso está recoñecido como formación permanente do profesorado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

As persoas interesadas poderán inscribirse a través da páxina web do CGAC ou enviando un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.es indicando o seu nome completo, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto.
 

Comparte