Nova: A excelencia creativa e a difusión cultural, recoñecidas nos Premios da Cultura Galega 2014
17/09/2014
A excelencia creativa e a difusión cultural, recoñecidas nos Premios da Cultura Galega 2014
O escritor Xosé Neira Vilas, a Galería Trinta, o actor Cándido Pazó, o Festival de Ortigueira, a Asociación Galega de Produtoras Independentes, o profesor David Mackenzie, o Grupo Marcelo Macías e o Centro Pen Galicia son os premiados
O xurado reuniuse hoxe na Cidade da Cultura de Galicia
Estes galardóns recoñecen o traballo de persoas e institucións nos distintos ámbitos da creación, a conservación do patrimonio e a difusión da cultura galega
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2014.- O escritor Xosé Neira Vilas, a Galería Trinta, o actor Cándido Pazó, o Festival de Ortigueira, a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), o profesor David Mackenzie, o Grupo Marcelo Macías e o Centro Pen Galicia son os galardoados deste ano cos Premios da Cultura Galega, que constitúen un recoñecemento colectivo á traxectoria e á calidade do traballo de persoas e entidades a prol do desenvolvemento cultural.
Conformado por representantes das principais institucións culturais e profesionais independentes, baixo a presidencia do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, o xurado dos premios reuniuse hoxe na Cidade da Cultura de Galicia para determinar, entre un total de preto de 40 candidaturas, os galardóns das oito modalidades que conforman os premios: Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Patrimonio Cultural, Proxección Exterior, Música, Audiovisual e Lingua.
Letras
Na modalidade de Letras o premiado foi o escritor e académico Xosé Neira Vilas, un dos nomes máis destacados e dos escritores máis lidos da literatura galega actual. Autor de numerosos artigos en revistas e xornais, e fundador da Editorial Follas Novas con Anisia Miranda, Neiras Vilas é un dos narradores que mellor describiu a dureza da vida campesiña e o sentimento de desarraigo do emigrante galego. Entre os seus recoñecementos destaca a distinción recibida recentemente co Premio Otero Pedrayo.
Artes Plásticas
A Galería Trinta foi a galardoada na categoría de Artes Plásticas. Dedicada a promover a arte contemporánea desde os seus inicios, polo seu espazo pasaron recoñecidos artistas como Leiro, Menchu Lamas, Quintana Martelo, Antón Patiño, Sucasas, Acisclo Manzano, Silverio Rivas, Manolo Paz ou nacionais e internacionais como Eduardo Urculo, Saura, Tapies e Lucio Muñoz, entre moitos outros. Desde a súa creación, en Santiago de Compostela no ano 1985, participa en feiras internacionais de prestixio e contribúe a difundir a arte galega no exterior.
Artes Escénicas
O Premio Cultura Galega de Artes Escénicas recaeu en Cándido Pazó, que iniciou a súa andaina como actor en Vigo, a súa vila natal, en 1975. Vaise abrindo camiño ao abeiro dos primeiros encontros da Mostra de Teatro de Ribadavia e, logo dunha etapa de actor en varias compañías, debuta como autor e director de escena coa compañía Tranvía Teatro con ‘O merlo branco’. Con Ollomoltranvía leva á escena unha das consideradas como as súas mellores obras, ‘Commedia, un xoguete para Goldoni’, que recibirá diversos recoñecementos. Destaca na súa traxectoria a realización de postas en escena, adaptacións e traducións para diversas compañías.
Música
O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira mereceu o recoñecemento do xurado na categoría de Música. Desde os seus inicios, no ano 1978, da man da Escola de Gaitas de Ortigueira, converteuse na festa de referencia do folk, unha esencia festiva que perdurou nestas tres décadas de vida nas que pasou por distintos momentos e que se foi abrindo cada vez máis ás músicas de raíz de todo o mundo. A súa repercusión mediática e o volume de público foise incrementando e en 2005 foi declarado de Interese Turístico Internacional.
Audiovisual
Na categoría de Audiovisual o premio recaeu este ano na AGAPI. A asociación empresarial precursora do sector audiovisual galego, que neste 2014 cumpre 20 anos da súa constitución, agrupa produtoras de cine, televisión, publicidade e servizos. Impulsora da creación da Academia Galega do Audiovisual e do Clúster Audiovisual Galego, a asociación, coa vista sempre posta na internacionalización, contribúe activamente á consolidación e ao desenvolvemento da industria cultural de Galicia desde 1994.
Lingua
Na modalidade de Lingua o galardoado deste ano é o profesor David Mackenzie, figura senlleira da Filoloxía Iberorrománica e da Iberorromance. O seu labor como axente difusor da lingua, da literatura e da cultura de Galicia no mundo anglófono comezou nos anos 80. En 1994 converteuse no primeiro catedrático de Estudos Galegos no mundo anglófono, pola Universidade de Birmingham (Reino Unido), onde creou o Seminario de Estudos Galegos. En 1997 fundou tamén o Centro Irlandés de Estudos Galegos no University College Cork. Igualmente, o mundo da tradución do galego ao inglés viuse grandemente favorecida polo seu traballo de mecenado, impulso e tradución individual de autores galegos
Patrimonio Cultural
Na modalidade de Patrimonio Cultural, o xurado recoñeceu o Grupo Marcelo Macías. Constituído en 1941 para o estudo da arqueoloxía e a posta en valor do patrimonio cultural, o grupo desenvolve un intenso labor de estudo, catalogación e difusión social dos distintos elementos da riqueza do patrimonio cultural, especialmente nos campos da antropoloxía, arqueoloxía, historia, arte etc., a través de publicacións e programacións. Destaca tamén o seu labor de apoio aos obxectivos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.
Promoción Exterior
Finalmente, o Centro Pen Galicia foi o gañador na modalidade de Promoción Exterior. A sección galega do PEN Internacional, que cumpre os seus 25 anos de existencia, está composto por escritores en lingua galega e constitúe un referente da dinamización da literatura en Galicia e na difusión internacional dos autores galegos, así como no establecemento de relacións con outras literaturas. Ademais de promover publicacións (a súa colección Arte de Trovar é un referente na edición do xénero poético en Galicia) e diversas actividades, entre as que destaca a Bienal Literaria e a convocatoria dos premios Rosalía de Castro para autores en portugués, castelán, catalán e éuscaro.
Participación das principais institucións culturais
Xunto co titular de Cultura e Educación formaron parte do xurado o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; Maximino Zumalave Caneda, en representación do presidente do Consello da Cultura Galega; Henrique Monteagudo e Manuel Quintana Martelo en representación da Real Academia Galega e da de Belas Artes, respectivamente; e Gloria Pena Uris, secretaria xeral da Universidade de Vigo, por delegación do reitor.
Completaron o xurado tres persoas de prestixio no ámbito cultural como son a profesora e investigadora de literatura galega Blanca-Ana Roig Rechou; o produtor e presidente do Clúster Audiovisual Galego, Andrés Barbé Riesco; e a pianista e directora do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, Isabel Méndez González. Actuou como secretaria Cristina Fabeiro, subdirectora xeral de Xestión e Coordinación Cultural.
Na edición 2014, o premio para distinguir a excelencia cultural en cada unha das modalidades consiste nunha obra do pintor ourensán Antón Pulido, que lles será entregada aos premiados nun acto a final de ano.
Recoñecemento colectivo
A Xunta de Galicia convoca cada ano os Premios da Cultura Galega co obxecto de apoiar a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos. Estes premios son un recoñecemento colectivo á traxectoria e á calidade do traballo de persoas e entidades a prol do desenvolvemento cultural.