Nova: Nace o Premio literario de relatos breves Nélida Piñón
18/09/2014
Nace o Premio literario de relatos breves Nélida Piñón
Un certame promovido pola Consellería de Cultura e o Concello de Cotobade
Santiago, 18 de setembro de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e mais o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela López; reuníronse esta mañá para acordar a colaboración da Xunta de Galicia na convocatoria do I Premio Literario de Relatos Breves Nélida Piñón. O certame, que contará tamén coa achega da Deputación de Pontevedra, presentarase no Concello de Cotobade o vindeiro día 30.
O obxectivo do galardón é promover a actividade literaria, especialmente neste municipio pontevedrés, homenaxeando ao tempo á autora brasileira. Neste sentido cómpre lembrar que a escritora ten as súas raíces familiares en Cotobade, motivo polo que foi nomeada filla adoptiva do concello no ano 2005. O seu vínculo con Galicia quedou de manifesto tamén o pasado ano, cando visitou a Cidade da Cultura de Galicia acompañada polo conselleiro de Cultura e Educación. Así mesmo, Nélida Piñón ingresará na Real Academia Galega como membro de honra o próximo día 27 de setembro.
Ao longo do encontro desta mañá Xesús Vázquez e Jorge Cubela abordaron, así mesmo, posibles actuacións conxuntas no eido do Patrimonio cultural.
A autora
O Premio Literario de Relatos Breves nace baixo o nome desta autora de relevancia internacional, premio príncipe de Asturias no 2005, que foi ademais a primeira muller no mundo que presidiu unha academia da lingua, a Academia Brasileira das Letras, en 1996 e recibiu o premio Principe de Asturias no 2005.
Nélida Piñón foi ademais distinguida como doutora honoris causa por diversas universidades -entre elas a USC en 1998- e a súa traxectoria literaria foi recoñecida con importantísimos premios literarios, como o Pen Club, en 1985; ou o Juan Rulfo, considerado como o Nobel hispanoamericano.
Así mesmo, dirixiu institucións como o Laboratorio de Creación Literaria de la Universidad Federal de Río de Xaneiro (1970) ou a División Cultural do Departamento de Cultura de Estado de Río de Xaneiro; e foi vicepresidenta do Sindicato de Escritores de Río de Xaneiro.