Nova: 'Literatura galega: identidade, alteridade e exilio' reúne 150 especialistas
19/09/2014
'Literatura galega: identidade, alteridade e exilio' reúne 150 especialistas
O encontro, que se desenvolveu desde o xoves na Facultade de Filoloxía da Universidade Complutense, foi organizado polo Centro de Estudos Galegos en colaboración coa UNED
Madrid, 19 de setembro de 2014.- As xornadas internacionais “Literatura galega: identidade, alteralidade e exilio” foron clausuradas hoxe polo secretarío xeral de Política Lingüista, Valentín García Gómez. Un total de 150 especialistas en lingua galega participaron neste encontro, que organizou o Centro de Estudos Galegos (CEG) da Universidade Complutense de Madrid –un dos 36 cos que conta a Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia- en colaboración coa UNED.
García Gómez destacou durante a súa intervención as vantaxes da crecente internacionalización dos estudos galegos ao afirmar que "o interese pola lingua e a cultura de Galicia medran cada día alén das nosas fronteiras e van consolidando un tecido investigador capaz de achegarnos novas e interesantes perspectivas que arrequecen o noso coñecemento de nós mesmos".
Acompañaron o secretario xeral no acto de clausura Carmen Mejía Ruíz, profesora da UCM e directora do Centro de Estudos Galegos de Madrid; Silvia Iglesia Recuero, vicerreitora de Estudos de Grao da UCM; e Xavier Frías Conde, profesor da UNED.
No encontro participaron, desde o xoves, máis de 150 estudosos e especialistas en lingua e literatura galegas, preto dun cento deles relatores e conferenciantes das xornadas, chegados de diferentes universidades españolas e estranxeiras adscritas tamén á Rede de Centros de Estudos Galegos da Consellería de Cultura e Educación.
Amais das sesións académicas, o programa das xornadas inclúe unha visita organizada ao Real Mosteiro do Escorial, onde os/as participantes terán oportunidade de achegarse de primeira man a códixes da literatura galega medieval, como por exemplo os que alí se gardan das Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio.
Xornadas Internacionais UCM-UNED 2014 ‘Literatura galega: identidade, alteridade e exilio’
As Xornadas Internacionais UCM-UNED 2014 "Literatura galega: identidade, alteridade e exilio", organizadas conxuntamente polo CEG de Madrid e mais pola UNED, cumpriron o obxectivo de facer unha posta en común das liñas de investigación que se están a desenvolver nos centros galegos das universidades do mundo e noutras institucións.
Estas xornadas internacionais incluíron na súa primeira xornada as conferencias “Literatura galega en Madrid: exótopos e belixerantes”, de Vicente Araguas (plenaria) e “Unha visión do Grupo Bilbao desde dentro. Mitos e realidades de case 20 anos de literatura galega en Madrid”, de Xavier Frías Conde, así como relatorios centrados en cultura e literatura no s. XIX, identidade galega no exilio, literatura e identidades, literatura galega e comparada, poética galega, música e literatura galega, o Grupo Bilbao, lingua e identidade e teatro e literatura galega. O xoves puxo o peche a presentación da antoloxía poética “Esferografías” (Lastura, 2014), do Grupo Bilbao, canda un recital poético.
A segunda xornada, que pechou hoxe a parte académica do encontro, abriuse coa plenaria de Xesús Alonso Montero “Un volume insólito na bibliografía antifranquista galega: Galicia hoy, coordinado (con pseudónimos) por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, editado por Ruedo Ibérico (París) e impreso en Buenos Aires (1966)”, á que seguiu a presentación de Madrygal. Revista de Estudios Gallegos 17 (2014). Seguíronas, ao longo da mañá de hoxe, relatorios centrados na Identidade galega no exilio, na actividade editorial contemporánea, na literatura galega de posguerra, nos estudos rosalianos, na lingua e literatura galega medieval, na literatura galega comparada e na literatura galega contemporánea. Xa pola tarde, continuou coa conferencia de Domingo Villar “A praia dos afogados, adaptación cinematográfica dunha obra literaria” e con relatorios sobre a identidade feminina na literatura, cine e literatura, literatura galega e comparada e escenografía, fotografía e industrias culturais.
Logo do acto de clausura oficial, no que participou o secretario xeral, púxolle o ramo no Paraninfo á parte académica un recitado musical de Samuel Diz á guitarra clásica galega.
Toda a información sobre o programa desenvolto en http://cegmadrid.wix.com/simposioucm-uned2014.
Proxección exterior da lingua e da cultura galegas
A través dos centros de estudos galegos e dos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolve importantes accións para favorecer a proxección exterior da lingua propia de Galicia e de investigación do galego en diferentes localidades españolas, así como en Alemaña, Arxentina, Brasil, Croacia, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido e Rusia.
A creación dos centros de estudos galegos enmárcase desde o punto de vista normativo na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que establece desenvolvemento das accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. Así mesmo, a provisión de prazas nos lectorados responde a un dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega fixados no ámbito da proxección exterior que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.