Nova: O Museo do Ferrocarril de Galicia, unha xoia do patrimonio ferroviario estatal
03/04/2018
O Museo do Ferrocarril de Galicia, unha xoia do patrimonio ferroviario estatal
Román Rodríguez salienta o potencial a nivel educativo do Museo do Ferrocarril de Galicia
Monforte de Lemos (Lugo), 3 de abril de 2018.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, salientou esta mañá o potencial educativo do Museo do Ferrocarril de Galicia (MUFERGA), no marco dunha visita realizada a este centro acompañado polo delegado da Xunta e presidente do padroado deste centro museístico, José Manuel Balseiro. Neste sentido o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia anunciou que está previsto elaborar unha unidade didáctica sobre este centro que sirva para preparar as visitas de escolares que posteriormente se organizarán a este museo. “ O ferrocarril –dixo- é unha boa escusa para poder dar a coñecer aos escolares a dinámica evolutiva da Galicia dos últimos séculos, os cambios históricos, demográficos ou sociais; a transformación que tivo Galicia desde a súa posta en marcha como un elemento de modernización social económica e territorial”.
O conselleiro explicou que o MUFERGA conta con pezas únicas que son auténticas xoias do patrimonio ferroviario estatal como a locomotora Mikado, o furgón taller J350 ou o coche Presidencial ZZ1; que fan del un recurso moi valioso que, xunto a outros do propio Monforte e da comarca, conforma un paquete turístico, cultural e educativo de primeiro nivel. O MUFERGA encóntrase nas antigas instalacións ferroviarias de Monforte de Lemos, no que fora o antigo taller de tracción e o depósito de locomotoras. Conta cunha singular rotonda ferroviaria con 39 vías radiais e ponte transbordador xiratorio. Unha edificación declarada pola UE como elemento destacado do Patrimonio Industrial Europeo. Tamén dispón dun parque temático de trens tripulados a escala, onde os máis pequenos poden converterse en maquinistas ou xefes de estación.