Nova: Galicreques ofrece 65 funcións e un ciclo dedicado a Cortázar
23/09/2014
Galicreques ofrece 65 funcións e un ciclo dedicado a Cortázar
O festival de monicreques desenvolverase en Santiago, do 27 de setembro ao 5 de outubro, onde participarán 21 compañías galegas e de fóra de Galicia
Santiago, 23 de setembro de 2014.- O Festival Internacional de Títeres Galicreques 2014 desenvolverase en distintos espazos de Santiago entre o 27 de setembro e o 5 de outubro coa participación de 21 compañías galegas e de fóra de Galicia. A actual décimo novena edición do encontro presenta un ciclo dedicado ao autor Julio Cortázar, ademais de 65 representacións de 28 espectáculos para todos os públicos, obradoiros e exposicións arredor do mundo das marionetas.
Organizado pola Asociación Cultural Barriga Vede, o Galicreques é un dos dez eventos subvencionados este ano a través da convocatoria pública de axudas a festivais de artes escénicas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), concedidas para a dinamización deste tipo de iniciativas como factor estratéxico para o desenvolvemento do sistema teatral galego. En concreto, Galicreques resultou adxudicatario dunha subvención de 19.204,40 euros como contribución ao seu financiamento.
En representación da Consellería, o director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na rolda de prensa sobre as novidades e contidos do Galicreques 2014 xunto a María Antón, concelleira de Cultura; Jorge Rey, director artístico do festival; e Víctor Carou, xerente do Auditorio de Galicia.
Xénero valioso e versátil
O director da Agadic referiuse ao evento como a cita que fai de Compostela a capital dos títeres mediante a intensa e coidada programación que se brinda cada outono, e que posibilita a todo o público galego “unha excelente oportunidade para se achegar a ese mundo tan máxico e especial que só o teatro de monicreques é quen de transmitir”. Explicou tamén que cada nova entrega do Galicreques constitúese en paradigma da difusión do teatro de obxectos como xénero valioso e versátil.
“Desde a Xunta de Galicia, somos conscientes do interese xeral por este Festival, ao que hai que recoñecerlle tamén a súa capacidade para crear e manter uns lazos de relación coa cidadanía sólidos e leais. O seu poder de captación de públicos novos ou a reivindicación do xénero cara aos espectadores adultos son, así mesmo, algúns dos interesantes factores que concorren neste evento para facer del unha das principais citas galegas para o realce dun ámbito que non podemos considerar menor”, abondou.
Títeres Cachirulo coas súa montaxes ‘Cu-cú,Tas-tás’, Educa Teatro con ‘Os tres porquiños’, A Illa dos Nenos con ‘Ledicias’ e Os Quinquilláns con ‘No fondo do mar’ son parte da representación galega que amosará as súas distintas propostas e técnicas neste festival, para o que compartirán carteleira con formacións de fóra de Galicia: Txotxongolino Taldea (Euskadi), Panta Rhei (Euskadi), La Mar de Marionetas (Madrid), Compañía de Atracciones Populares La Estrella (Valencia), Teatro La Estrella (Valencia), Tragaluz Títeres (Asturias), Viktor Antonov (Rusia), Títeres Barrilete (Arxentina/Castela-A Mancha), Teatro de la Plaza (Brasil), Compañía Jordi Bertran (Cataluña), Teatro Arbolé (Aragón), Chachakün (Cataluña), Plansjet (Bélxica) e Nola Rae (Inglaterra).
Cortázar en formato microteatro
Os escenarios do Teatro Principal, a Zona “C” e a SGAE-Fundación Autor, ademais das prazas de San Martiño Pinario, Toural e Praterías, Praza Roxa, Paseo Central da Alameda e A Regadeira de Adela, acollerán as diferentes actividades previstas. Neste último emprazamento desenvolverase o ciclo especial dedicado ao autor arxentino Julio Cortázar, con 10 sesións de distintas combinacións de microteatro (cada pases de 15 minutos), dos seus relatos ‘Torito’, ‘Un pequeño paraíso’, ‘Historias de cronopios y de famas’ e ‘Casa tomada’ a cargo de Ainternacional, Olalla Suárez, Pinga Teatro, Rafael Rey e Oliver Angerman.
No apartado de actividades paralelas impartirase un curso de talla e construción de marionetas de variña en madeira, a cargo do belga Chris Geris; e poderanse visitar as exposicións ‘Títeres de África’ na sede da SGAE e ‘Humor cos Títeres. Ilustracións de Miguel Oyarzún’ no Centro Sociocultural O Ensanche. Están programadas ademais 10 funcións escolares ás que poden acudir os centros educativos previa inscrición. Tamén se celebrará a gala de variedades ‘Galicreques con Gaza’, o sábado 4 de outubro ás 20,30 horas no Teatro Principal.
Entradas á venda
As entradas están xa á venda a un prezo de 5 euros no despacho de billetes do Teatro Principal. Para as funcións da Zona C e da SGAE, pódense adquirir neses espazos desde unha hora antes de cada representación. Tamén se pode mercar unha entrada familiar para catro persoas por 15 euros. Para A Regadeira de Adela os prezos son de 3 euros para un microespectáculo e de 6 euros para a sesión completa de tres. O acceso aos espectáculos de rúa ás exposicións é gratuíto.