Nova: Debates e obradoiros completan a programación das Xornadas de Teatro de Fegatea

26/09/2014

Debates e obradoiros completan a programación das Xornadas de Teatro de Fegatea

Este certame de afeccionados desenvólvese en Santiago de Compostela do 26 ao 28 de setembro

  • Cartel das Xornadas de Teatro de Fegatea Cartel das Xornadas de Teatro de Fegatea
  • Anxo Lorenzo na rolda de prensa de presentación das xornadas de teatro Anxo Lorenzo na rolda de prensa de presentación das xornadas de teatro
  • Anxo Lorenzo na rolda de prensa de presentación das xornadas de teatro Anxo Lorenzo na rolda de prensa de presentación das xornadas de teatro
  • Anxo Lorenzo na rolda de prensa de presentación das xornadas de teatro Anxo Lorenzo na rolda de prensa de presentación das xornadas de teatro

Santiago, 26 de setembro de 2014.- As artes escénicas serán protagonistas en Santiago de Compostela desde hoxe e ata o vindeiro 28 de setembro coas IX Xornadas de Teatro que organiza a Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e o Concello de Santiago de Compostela.

Mesas de debate e reflexión, obradoiros de lectura dramatizada e representacións teatrais centran esta programación, que foi presentada hoxe en rolda de prensa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola concelleira de Cultura de Santiago, María Antón; e pola presidenta e vicepresidente de Fegatea, Chelo Pampillón e José León, respectivamente.

Apoio ao teatro
“Conscientes da importante dimensión do teatro afeccionado en Galicia”, Anxo Lorenzo recordou que a Consellería vén apoiando a actividade impulsada por Fegatea a través da colaboración con estas xornadas e con iniciativas como o Circuíto Galego de Teatro Amador. “Esta colaboración entre institucións e entidades sociais –dixo– permítenos ofrecer unha programación ampla en todo o territorio para lle achegar á cidadanía o teatro e para favorecer a participación social na cultura”.

Mesas de debate, obradoiros e funcións
Estas xornadas, nas que están representados 53 grupos galegos de teatro afeccionado de toda Galicia, comezarán cunha mesa de debate centrada no pasado, no presente e no futuro de Fegatea, onde se analizará a traxectoria da entidade e na que tamén se abordará a adaptación do traballo federativo ás necesidades actuais. Outros dos temas que centrarán as reflexións das xornadas serán a cultura e o teatro nos medios de comunicación, o impulso económico a través da cultura teatral e a plataforma de teatro transfronteirizo entre Galicia, Portugal e Castela e León.

Nestas mesas de debate participarán, ademais de membros da federación, destacados xornalistas e representantes do teatro profesional.

A Federación de Castela e León, así como Comedias do Miño, de Portugal, participarán conxuntamente con Fegatea nunha mesa de traballo baixo as siglas de Platta (Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador). Con motivo desta xuntanza, a Revista Galega de Teatro coordinará unha experiencia de intercambio con lecturas dramatizadas, dirixidas esta vez por Joao Vaz, director artístico de Comedias do Miño.

Recoñecemento á MIT de Ribadavia
Tamén se fará entrega durante as xornadas do III Premio Fegatea, que recibirá este ano a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia pola súa traxectoria a prol do teatro.

Finalmente, as representacións teatrais completarán estas xornadas da da man dos grupos de teatro Porta Aberta, Metátese e Atrezo, que actuarán nos centros socioculturais do Castiñeiriño, de Vite e de Santa Marta.

Comparte