Nova: Santiago Lopo gaña o Premio de Narrativa breve Repsol
26/09/2014
Santiago Lopo gaña o Premio de Narrativa breve Repsol
A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora coa Fundación Repsol na convocatoria do certame, no que tamén participan a Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritores en Lingua Galega
A Coruña, 26 de setembro de 2014.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na Coruña na rolda de prensa na que se fixo público o ditame do xurado da VIII edición do Premio de Narrativa Breve Repsol. Na comparecencia ante os medios de comunicación tamén participaron o vicepresidente da Fundación Repsol, César Gallo, e a voceira do xurado, Berta Dávila. O galardón, que convocan conxuntamente a Xunta de Galicia e a Fundación Repsol coa colaboración da Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritores en Lingua Galega, recaeu desta volta no vigués Santiago Lopo, pola peza “A diagonal dos tolos”.
O secretario xeral destacou durante a súa intervención “a contribución do premio ao impulso da narrativa feita en galego”, así como “o compromiso da Fundación Repsol con Galicia e coa súa cultura e lingua propias”. García Gómez tamén gabou a participación da Editorial Galaxia na edición da obra gañadora.
No anuncio do ditame do xurado, amais da súa voceira estiveron presentes os seus integrantes, Dolores Vilavedra, Euloxio R. Ruibal, Mercedes Queixas e Carlos Lema.
Santiago Lopo
O autor de “A diagonal dos tolos”, Santiago Lopo (Vigo, 1974), conta xa no seu haber con outros galardóns literarios destacados, como o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia (en 2006, con “Game Over”) ou Premio García Barros (en 2012, pola peza “Hora zulú”).
É profesor de francés na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra. Iniciouse profesionalmente traducindo guións cinematográficos para televisión e, en 1998, traduciu para o galego, xunto a Xavier Queipo, dúas obras do escritor francés Hervé Guibert: “Citomegalovirus/O meu criado e mais eu”. En 2009, publicou “Peaxes”, a súa segunda obra de narrativa de ficción.
“A diagonal dos tolos” impúxose ás outras 30 pezas que concorreron ao certame, o mesmo número que na edición 2013.
Galardoados co Premio de Narrativa Breve Repsol
Na primeira edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, en 2006, o xornalista Miguel Sande fíxose co galardón pola súa obra “Se algún día esta muller morta” e Xavier Lama, profesor da USC e xornalista, acadou un accésit por “O insomnio dos centauros”. A gañadora da segunda edición foi a obra “Así nacen as baleas”, da escritora Anxos Sumai. Na terceira edición, en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón polo traballo “A verdade como mal menor”. Na cuarta, en 2010, o premio foi para o escritor Xurxo Sierra pola peza “Os fíos”. A do ano 2011, gañouna Fernando Díaz Castroverde Gómez, por “Microbios e outros paquidermos”. En 2012 fíxose co premio María López Sández, con “Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio”. Na edición 2013, o premio recaeu en Berta Dávila por “O derradeiro libro de Enma Olsen”.