Nova: O Salón Teatro de Santiago acolle 14 funcións de ‘A tempestade’

01/10/2014

O Salón Teatro de Santiago acolle 14 funcións de ‘A tempestade’

A compañía Voadora inicia mañá a tempada de funcións en Galicia da súa última proposta, que xa exhibiu nos festivais Gil Vicente de Guimarães, Fringe de Madrid, Clásicos de Alcalá e MIT de Ribadavia

Baixo a dirección de Marta Pazos, Voadora reúne un equipo de destacados creadores e intérpretes da escena contemporánea para levar a cabo unha versión transgresora, ao tempo que respectuosa co texto de Shakespeare

  • Cartel de  'A tempestade' Cartel de 'A tempestade'
  • A Consellería de Cultura e Educación abre a nova carteleira do Salón Teatro de Santiago con 14 funcións de ‘A tempestade’ de Voadora A Consellería de Cultura e Educación abre a nova carteleira do Salón Teatro de Santiago con 14 funcións de ‘A tempestade’ de Voadora
  • A Consellería de Cultura e Educación abre a nova carteleira do Salón Teatro de Santiago con 14 funcións de ‘A tempestade’ de Voadora A Consellería de Cultura e Educación abre a nova carteleira do Salón Teatro de Santiago con 14 funcións de ‘A tempestade’ de Voadora

Santiago, 1 de outubro 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abre mañá xoves a nova temporada 2014-15 do Salón Teatro de Santiago co espectáculo ‘A Tempestade’, de William Shakespeare, baixo o prisma de Voadora. Esta será a primeira das 14 funcións que a premiada compañía compostelá ofrecerá ata o día 16 neste espazo escénico, sede do Centro Dramático Galego (CDG), coa súa nova proposta, para a que contou co apoio da Xunta de Galicia a través das axudas á produción escénica convocadas pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), entre outras achegas.

En representación da Consellería, o director da Agadic, Jacobo Sutil, e o do CDG, Manuel Guede Oliva, acompañaron hoxe á compañía na presentación aos medios desta montaxe, que inicia en Santiago a súa xira galega despois de se ter exhibido nos festivais Gil Vicente de Guimarães, Fringe de Madrid, Clásicos de Alcalá de Henares e na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.

Coa posta en escena de ‘A tempestade’ culminan tres anos de traballo arredor da produción dun espectáculo que reúne unha nutrida representación dunha nova xeración de artistas multifacéticos que está a sobresaír a nivel estatal. Así, destacados nomes da escena contemporánea española e portuguesa súmanse ao equipo habitual de Voadora baixo a dirección artística de Marta Pazos, gañadora de dous premios María Casares á Mellor Dirección e finalista do Certame Nacional de Directoras de Escena o pasado ano 2013.

Irreverente, mordaz e sorprendente
Sobre o escenario, un total de nove actores, bailaríns e músicos dan forma a unha montaxe de poderosas imaxes e ritmo vertixinoso, que a crítica cualificou de irreverente, mordaz e sorprendente desde o punto de vista estético e da posta en escena. Porén, o espectáculo mantén o respecto ao texto de Shakespeare, a partir da tradución realizada por Manuel Cortés. O dramaturgo ourensán Fernando Epelde, Premio SGAE de Teatro en 2012, Tirso de Molina en 2011 e Marqués de Brandomín en 2009, asina esta adaptación “viva”, para a que incorporou e continúa incorporando en cada nova representación as achegas creativas de cada un dos intérpretes.

O propio Epelde forma parte deste elenco xunto a Diego Anido, José Díaz, Borja Fernández, Iván Marcos, Olalla Tesouro, Hugo Torres, Guillermo Weickert e Sergio Zearreta. Tamén integran o equipo desta produción galego-portuguesa Uxía P. Vaello e Joana Magalhães como axudantes de dirección; Ana Luena, no deseño do espazo escénico; ou José Alvaro Correia, na iluminación, entre outros. A música orixinal é de José Díaz, Hugo Torres e Fernando Epelde, do movemento escénico encárgase Guillermo Weickert e do deseño de vestiario, Uxía P. Vaello.

Voadora afrontou con este espectáculo un dos seus proxectos máis ambiciosos nos seus sete anos de traxectoria, apostando agora polo teatro de texto despois de que, ata o momento, tivera desenvolvido maioritariamente obras de creación propia e de carácter colectivo. Os seus métodos innovadores nos ámbitos da creación e da produción valéronlle en 2013 o Premio da Crítica de Galicia na modalidade de Artes Escénicas.

Como explicou hoxe Marta Pazos, a elección de ‘A tempestade’ para dar este salto ten que ver coas propias características “caleidoscópicas e mesmo postmodernas” desta obra tardía de Shakespeare, na que se abordan os grandes temas da humanidade a través da maxia, o amor, a música, a comicidade ou a ironía. Establece, ao tempo, un xogo metateatral, que Voadora fai propio ao converter a illa na que naufragou Próspero nunha sala de teatro e a este personaxe principal nun director de escena. Esta é, ademais, a particular contribución da compañía compostelá ao Ano Shakespeare, durante o que se está a conmemorar internacionalmente o 450 aniversario do nacemento do autor inglés.

Financiamento combinado
Esta aposta creativa, que se traduce nunha montaxe de gran formato, foi acompañada dun intenso traballo de produción á hora de conseguir unha fórmula combinada de financiamento con contribucións tanto públicas como privadas. Así e xunto coa subvención recibida a través da liña de axudas á produción escénica da Agadic por un importe de 50.000 euros, Voadora conta coa colaboración doutras entidades de Galicia e Portugal como a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, o Centro Cultural VilaFlor de Guimarães ou a compañía portuguesa Teatro Bruto, en calidade de coprodutoras, así como de diferentes empresas privadas.

Ademais, logrou reunir máis de 8.000 euros a través das achegas particulares das 134 persoas que se implicaron na campaña de micromecenado que desenvolveu a través da plataforma Verkami. Unha boa parte destes mecenas asistirá mañá á primeira función no Salón Teatro de Santiago.

Venda de entradas e bonos
No escenario compostelán ofreceranse un total de 10 funcións xerais ata o xoves 16 de outubro (os días 2, 3, 4, 9, 10, 11, 15 e 16, ás 20.30 horas e os domingos 5 e 12, ás 18.00 horas), así como catro pases matinais para escolares os días 8, 9, 15 e 16.

As localidades poden adquirirse xa na billeteira do Teatro Principal, en horario de 18.00 a 21.00 horas, por internet na páxina www.entradas.abanca.com ou por teléfono no 902 434 443. Os días das funcións tamén estarán á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo. O prezo das entradas é de 10 euros, con descontos do 50 por cento para os domingos (día do espectador) e do 40 por cento o resto das representacións no caso dos estudantes, titulares do carné xove, persoas xubiladas ou desempregadas e determinados colectivos profesionais.

Esta é, así mesmo, unha das propostas da programación inserida no Bono de Teatro Galego e Portugués, promovido conxuntamente pola Consellería de Cultura e Educación e o Concello de Santiago. O prezo deste bono, que pode adquirirse nos devanditos despachos de billetes, é de 35 euros para un total de cinco funcións.

Servizo de gardería
Ademais e coincidindo coas funcións dos domingos 5 e 12, Voadora –en colaboración coa Fundación Eugenio Granell, o Concello de Santiago e Ágora Aberta– organiza un servizo de gardería a disposición de todas as persoas con nenos/as ao seu cargo que queiran asistir ao espectáculo. Este servizo consiste nuns obradoiros infantís de teatro, para idades comprendidas entre os 3 e 11 anos, nos que os rapaces poden pasar unha tarde entretida na Fundación Granell mentres os seus maiores gozan de ‘A tempestade’ no Salón Teatro. O prezo é de 2 euros por cada neno/a.

 

Comparte