Nova: O Festiclown de Lugo ofrecerá máis de 20 actuacións polas rúas

02/10/2014

O Festiclown de Lugo ofrecerá máis de 20 actuacións polas rúas

Coincidindo co San Froilán, esta décimo quinta edición contará con actividades paralelas como o curso ‘Pallaseando a existencia’ ou o documental ‘Tres miradas, dous obxectivos’

 

  • Festiclown Lugo Festiclown Lugo
  • O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta carteleira O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta carteleira
  • O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta carteleira O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta carteleira

Lugo, 2 de outubro de 2014.- O Festival Internacional Festiclown levará máis de vinte actuación ás rúas de Lugo do 4 ao 11 de outubro. Coincidindo co San Froilán, a cidade disfrutará dunha decena de formacións de clown, novo circo, maxia e música.

O Festiclown, que celebra a súa décimo quinta edición como referente na difusión e innovación das linguaxes do clown e do novo circo, é un dos dez eventos subvencionados este ano a través da convocatoria pública de axudas a festivais de artes escénicas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), concedidas para a dinamización deste tipo de iniciativas de carácter profesional. En concreto, a edición lucense deste encontro internacional resultou adxudicataria este ano dunha subvención de 9.188,62 euros.

En representación da Consellería de Cultura e Educación, o director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta carteleira xunto a Carmen Basadre, concelleira de Cultura, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, e Manuel Roxo e Nacho Fungueiriño, coordinadores do festival.

Mapa galego de festivais escénicos
O director da Agadic encadrou o apoio da Xunta de Galicia a esta programación na liña de traballo que se vén desenvolvendo nos últimos anos a prol da vertebración dun mapa galego de festivais escénicos “que dea resposta a unha coordinación xeográfica e cronolóxica deste tipo de eventos, ao tempo que facilite a expresión artística dos nosos creadores para o seu encontro con todo tipo de públicos nas mellores condicións técnicas e organizativas”.

Neste sentido, Jacobo Sutil recoñeceu a relevancia do Festiclown, do que sinalou especialmente a súa “personalidade propia e diferenciada, neste caso a través da posta en valor das propostas escénicas máis lúdicas e participativas que teñen o xénero do teatro de clown e do novo circo como denominador común”.

O festival repite por segundo ano consecutivo a súa fórmula de ‘multisede’, de xeito que chega a Lugo despois de pasar por Rivas-Vaciamadrid e San Fernando de Henares, en Madrid, así como de presentar o Festiclown Favela como programación especializada en clown dentro do II Festival Internacional de Circo de Río de Xaneiro.

Programación
A programación que desenvolve a partir desta fin de semana nas rúas da capital lucense estrutúrase arredor de tres apartados principais: Mostra Internacional, Desclowntrol nas Rúas e actividades paralelas. Así, para o primeiro deles contarase coas actuacións do clown Peter Punk, da formación Mundo Mandarina, do mago Miguelillo e do artista alemán Djuggleddy, mentres que a través do Desclowntrol se animará a cidade con pasarrúas, actuacións ao aire libre a cargo de Os Sete Magníficos Máis Un, Código Morsa, Circo Chosco e Roi Sixto, e música da man de Cé Orquestra Pantasma, Magnífique Bande dos Homes sen Medo ou Fanfarria Taquikardia.

Entre as actividades paralelas, destaca unha mesa redonda o luns 6 de outubro na que se analizará a situación do teatro en Lugo e a fronteira entre a escena profesional e a afeccionada, a proxección do documental ‘Tres miradas, dous obxectivos’ o día 7 e o curso de clown ‘Pallaseando a existencia’, que o director do festival, Iván Prado, impartirá os días 10 e 11 de outubro.

 

Comparte