Nova: O Festival Cidade de Cristal leva 35 actuacións por 15 concellos da Coruña

03/10/2014

O Festival Cidade de Cristal leva 35 actuacións por 15 concellos da Coruña

O evento, promovido pola Agrupación Musical Albéniz da Coruña, terá lugar entre o 7 o 12 de outubre e incluirá concertos didácticos en colexios e institutos

 

  • Festival Internacional de Pulso e Púa Cidade de Cristal

A Coruña, 3 de abril de 2014.- O Festival Internacional de Pulso e Púa Cidade de Cristal acada o cuarto de século e a delegada territorial do Goberno galego na provincia da Coruña, Belén do Campo, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación do evento, que se desenvolverá entre o 7 e o 12 de outubro e que traerá a Galicia oito grupos de recoñecido prestixio procedentes de España e de países como Brasil, Portugal, Rusia, Israel ou Venezuela.

Na súa intervención, Do Campo aproveitou para felicitar á Agrupación Musical Albéniz da Coruña, promotora do encontro, polo seu bo facer durante estes últimos 25 anos, “por favorecer, en definitiva, o diálogo con outras realidades culturais, a través do intercambio musical”.

Nos seis días de duración do festival, programaranse ata 35 actuacións en quince concellos da provincia: A Coruña, Arzúa, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carballo, Cee, Culleredo, Negreira, Noia, Oleiros, Ortigueira, Padrón, Sada e Santiago, e acercarase a cultura aos colexios e institutos a través da celebración de diversos concertos didácticos.

“A estreita cooperación entre as distintas administracións e entidades é o que nos está a permitir promover proxectos e programacións culturais nos distintos ámbitos creativos e para todos os públicos, como é o caso deste festival”, manifestou a máxima representante da Xunta na provincia, quen, por último, convidou a toda a cidadanía a achegarse a esta cita internacional coas cordas e a que disfruten dela.

 

Comparte