Nova: ‘Venres nas librarías’ ponse en marcha con encontros literarios en Moaña e Vigo
03/10/2014
‘Venres nas librarías’ ponse en marcha con encontros literarios en Moaña e Vigo
Afonso Eiré e Suso Lista presentan Eu estaba alí e Salseiros, respectivamente, na primeira xornada desta nova iniciativa para o fomento do libro e da lectura
A campaña tamén conta cun concurso semanal nas redes sociais para a descuberta dun libro galego
Santiago, 3 de outubro de 2014.- Bota andar hoxe 'Venres nas librarías' con dous encontros literarios en Vigo e Moaña. Este programa é unha iniciativa das consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Economía e Industria da Xunta de Galicia, xunto coa Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores (AGE).
No primeiro deles, Suso Lista presentará ás 19 horas o seu libro ‘Salseiros’, da editorial Embora, na Casa do Libro de Vigo. A outra cita desta tarde terá lugar ás 20:30 horas na libraría O Pontillón de Moaña, onde Afonso Eiré, acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentará a súa obra ‘Eu estaba alí’, publicada por Hércules de Ediciones.
Encontros literarios para o outono
Os títulos galegos publicados ao longo do último ano son os protagonistas desta nova iniciativa para o fomento do libro e da lectura. Arredor destas publicacións e dos seus autores e autoras, ‘Venres nas librarías’ propón encontros literarios en establecementos dedicados á venda e promoción do libro da Federación de Librarías de Galicia, que se desenvolverán durante os meses de outubro e novembro.
Concurso nas redes sociais
O programa tamén conta cunha vertente nas redes sociais de Cultura, en facebook e twitter, cun pequeno concurso semanal de pistas para a descuberta dalgún libro galego, co que se agasallará o lector ou lectora que o descubra. Para participar neste concurso, ‘Andel do agasallo’, en @conscultura co hashtag #andeldoagasallo e na páxina www.facebook.com/CulturaGalegaXunta iranse facilitando pistas para adiviñar de que libro se fala cada semana nas redes. A obra desta semana foi ‘A viaxe de Gagarin’ (Edicións Xerais), de Agustín Fernández Paz.
Primeiros encontros literarios
As obras ‘Salseiros’ e ‘Eu estaba alí’ centran os primeiros encontros literarios de ‘Venres nas librarías’. No primeiro, Suso Lista rescata das redes sociais, onde se foron publicando primeiro, máis de medio cento de relatos de mar deste percebeiro cormeán, actor, guionista de televisión e axitador cultural, que escribe historias fermosas ou tráxicas, cheas de humor ou de fantasía.
En ‘Eu estaba alí’, Afonso Eiré ofrece unha crónica dos principais feitos que se produciron na Galicia do último medio século, escrita por quen estivo presente ou os viviu de preto. Unha voz apaixonada que relata en primeira persoa a epopea dun pobo que vai tomando conciencia de seu.
Actividades nas catro provincias
Os asociados da AGE son os encargados de elaborar a proposta de libros, de acordo cos autores e autoras, que forman parte da primeira edición do programa, no que poden participar librarías de todo o territorio da Federación de Librarías de Galicia. O calendario de ‘Venres nas librarías’, que inclúe títulos de Edicións Xerais, Edicións Embora, Hércules de Ediciones e Tosoxoutos, chegará ata o mes de novembro ás catro provincias galegas.