Nova: As propostas sonoras máis vangardistas escóitanse no CGAC

03/10/2014

As propostas sonoras máis vangardistas escóitanse no CGAC

O sábado 4 e o domingo 5 de outubro ofreceranse propostas de formacións nacionais e internacionais das últimas tendencias do panorama musical contemporáneo

Esta fin de semana o público poderá gozar de múltiples concertos de música contemporánea en diferentes espazos da cidade

  • Elisa Vázquez Doval Elisa Vázquez Doval

Santiago, 3 de outubro de 2014.- Esta fin de semana o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle esta fin de semana III Xornadas de Música Contemporánea cuxo obxectivo é o fomento e a difusión das últimas tendencias da música contemporánea.

Mañá comeza unha nova edición dunhas xornadas que renaceron hai tres anos en Santiago de Compostela. Ao longo de todo o mes de outubro ofreceranse máis de dezaoito concertos que recollen os traballos máis innovadores no terreo da composición e a interpretación musical contemporánea.

O sábado 4, o CGAC acollerá a xornada ‘aperitivo minimalista e unha velada [didáctica] coas vangardas’, que inclúe os concertos ‘Escenas _ combinacións para saxofóns, piano e electrónica’, da agrupación Ensemble IXOR e ‘Asia contemporánea, China_Xapón_Corea’, da pianista Elisa Vázquez.

En concreto, ás 18.30 h., Ensemble IXOR interpretará unha orixinal versión de piano a oito mans da emblemática obra do minimalismo ‘In C’ do americano Tierry Riley. Ás 20.00 h. a célebre pianista galega Elisa Vázquez ofrecerá un concerto sobre pezas de diversos autores contemporáneos procedentes de China, Xapón e Corea.

O domingo 5 de outubro ás 20.00 h, na sección ‘OFF_Contemporánea’ o polifacético artista de beatbox Lytos e o quinteto de música de cámara Zoar Electric −que achegan as novidades musicais ao repertorio tradicional− proporán unha xornada rechamante e fresca no auditorio do CGAC.

A intensa actividade despregada completarase cunha sesión de rúa que terá lugar o sábado 4 de outubro en diversos espazos da cidade. A Praza das Praterías será o escenario de varios concertos nos que os músicos tocarán desde lugares insospeitados en dous quendas musicais que terán lugar ás 13.00 h. e ás 21.30 h.

Ensemble IXOR
Trátase dunha agrupación formada por alumnos do taller de música contemporánea e das aulas de saxofón e música de cámara do Conservatorio Superior de Música da Coruña, baixo a batuta do profesor Pablo Coello. Ensemble IXOR xorde como unha experiencia educativa en torno á interpretación de repertorio clásico contemporáneo e actual con formatos e proxectos que se definen curso a curso. Dende 2011 desenvolven o ciclo Espazo IXOR na cidade da Coruña (edicións 2011 e 2012 en NORMAL, proxecto de intervención cultural da Universidade, e edicións 2013 e 2014 no Museo de Belas Artes). O grupo está integrado por Rosalía Becoña, Daniel Chaves, Iago Hermo e Elena Rodríguez.

Elisa Vázquez Doval
Nacida en Mugardos (A Coruña), conta cunha ampla traxectoria como solista e músico de cámara, foi invitada a tocar en prestixiosos auditorios, como o Concertgebouw en Amsterdam e o Vredenburg en Utrecht, e ofreceu concertos en varios países de Europa. O seu especial interese pola música contemporánea levouna a investigar e interpretar o repertorio para piano das últimas décadas.

Elisa Vázquez realizou estudos de piano no Conservatorio Superior de Santiago de Compostela e no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, ampliando a súa formación na Escola de Música de Barcelona e no Conservatorio de Rotterdam. En 2006 recibiu un máster en piano do Conservatorio de Utrecht e ten acadado apoios e bolsas de entidades como o Ministerio de Asuntos Exteriores, Fundación Caixa Galicia, Deputación da Coruña, Comunidade de Madrid, Hein Fonds (Holanda) e École de Musique de Niza. Os seus principais mestres foron Klára Würtz, Michael Davidson, Manuel Carra, Julián López-Gimeno e Albert Atenelle.

As súas actividades máis recentes inclúen concertos na Fundación Juan March, Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela, Fundación Caixa Galicia e o Festival Espazos Sonoros, así como recitais en varios auditorios de España.

Lytos
Carlos Vidal, máis coñecido como "Lytos", é un polifacético artista nacido en Mallorca. Con 16 anos empezou a actuar como beatboxer en pequenos pubs de praia e dende entón a súa carreira levouno a actuar en numerosos países en Europa, Asia e América. Pola súa participación en diferentes competicións nacionais e internacionais foi nomeado, entre outros galardóns, campión de España de beatbox en 2009 e campión de Europa de beatbox en 2010. Participa con regularidade en programas de televisión e de radio. Actúa como solista, colabora con distintos grupos de música vocal e instrumental e completa o seu traballo como responsable dun estudo de gravación en Palma de Mallorca, onde realiza tarefas de produción e masterización e desenvolve a súa creatividade como compositor, escritor, cantante e produtor.

Zoar Electric
Sempre con propostas musicais orixinais e frescas e intentando escapar dos canons máis tradicionais, Zoar Ensemble emerxe como un dos conxuntos de música de cámara con instrumentos de vento máis activos do panorama musical galego. Dende a súa creación en 2009, ten realizado máis vinte de concertos en Galicia, Euskadi e Cataluña e participou en tres concursos internacionais onde recibiu diferentes galardóns. Unha das súas apostas principais é apoiar a creación actual, achegando novidades ao repertorio tradicional. Entre as súas estreas destacan The elephant and the clown de Paquito d'Rivera, Bufonesques de Òscar Àlvarez, Quintetto de fiati de Gabriel Bussi, Sos e Tons de gris baixo ou ceo de Xabier Mariño (con Manuel Rivas como narrador), Parafrase do nihilismo de Óscar Àlvarez e Luces de Alén de Juan Durán. Proximamente estrearán obras de Federico Mosquera, Fernando Buide e Óscar Navarro. Gravaron dous discos dentro do programa "Outra+Outra" que organizan a Fundación Paideia e a Deputación da Coruña e é grupo residente do Auditorio Gustav Mahler do conservatorio de Culleredo. Os seus compoñentes son Joan Ibáñez (frauta), David Villa (corno inglés), Antonio Suárez (clarinete baixo), Benjamín Iglesias (trompa) e Álex Salgueiro (fagot).

 

Comparte