Nova: Continúa a preprodución de 'Solipsismo' no Centro Coreográfico Galego

07/10/2014

Continúa a preprodución de 'Solipsismo' no Centro Coreográfico Galego

O bailarín realiza este solo co asesoramento de Kirenia Martínez e con música de piano en directo

Outras dúas pezas, as tituladas ‘Trump!’ e ‘Hibridology’, tamén resultaron seleccionadas este ano no programa de residencias artísticas de danza do CCG
 

  • Kirenia Martínez Kirenia Martínez

Santiago, 7 de outubro de 2014.- Continúa a execución do programa de residencias artísticas de danza no Centro Coreográfico Galego (CCG) co desenvolvemento dos traballos previos para a peza ‘Solipsismo’, unha das tres obras seleccionadas no marco desta iniciativa de apoio aos creadores.

Interpretada polo bailarín José Ángel Ríos Casás, ‘Solipsismo’ estase a deseñar co asesoramento coreográfico de Kirenia Martínez para compoñer unha peza de 20 minutos de duración con música de piano en directo. Trátase dun solo no que o intérprete fai que o espectador sexa testemuña dun espazo íntimo que combina a danza coas artes marciais. Neste espazo, o corpo expón a conciencia que o habita e a acción íspese sen complexos. Tanto a obra como a súa estrutura pretenden levar a danza a lugares pouco habituais para que sexa o artista quen teña que achegarse ao público.

Xunto aos títulos ‘Trump!’ e ‘Hibridology’, ‘Solipsismo’ foi escollida a través dunha convocatoria pública para abrir o seu proceso de desenvolvemento co apoio loxístico do CCG e na súa sede da Coruña. Alí deu comezo a residencia o pasado mes de setembro e seguirá avanzando a creación da peza en sesións de traballo dun día á semana ata finais de novembro.

A finalidade do programa de residencias artísticas do CCG é a de lles proporcionar aos artistas individuais ou colectivos un espazo para o desenvolvemento dos seus proxectos de investigación, experimentación, creación e produción.

Exhibición final
Ademais de contar coas instalacións facilitadas pola compañía pública de danza, os proxectos escollidos disporán de apoio loxístico e de asesoramento tanto a nivel artístico como en relación cos procesos de montaxe e distribución. O acordo contempla tamén a presentación e/ou exhibición no Centro Coreográfico Galego do resultado final dos traballos.

Para a elección dos proxectos tívose en conta o seu carácter innovador, a súa incidencia na creación de redes de colaboración interdisciplinaria e a súa capacidade de achegamento á cidadanía mediante estratexias de participación e creación de públicos. Tamén se valorou a traxectoria e as actividades previas desenvolvidas polos solicitantes, así como a calidade, coherencia e viabilidade das iniciativas presentadas de acordo co seu calendario de execución e o equipo humano implicado.

Comparte