Nova: O Museo Arqueolóxico de Ourense presenta o primeiro documento impreso do Padre Feijoo

08/10/2014

O Museo Arqueolóxico de Ourense presenta o primeiro documento impreso do Padre Feijoo

No día do nacemento do ilustrado ourensán, o museo presenta a súa folla de grao nun acto que terá lugar hoxe ás 20 horas na sala de exposicións de San Francisco

O Arquivo Histórico Provincial de Ourense tamén divulga o legado do Padre Feijoo cunha nova entrega da serie de curtametraxes ‘As viaxes do Capitán Gardador’

Estas iniciativas enmárcanse na programación da Consellería de Cultura e Educación para conmemorar o 250 aniversario da morte do pensador e ensaísta
 

  • Imaxe do documento Imaxe do documento

Ourense, 8 de outubro de 2014.- O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (MAPOu) presenta hoxe o primeiro documento impreso que se conserva do Padre Feijoo, a súa folla de grao. Coincidindo co aniversario do seu nacemento, o 8 de outubro de 1676, no Pereiro de Aguiar, o museo presenta a súa peza do mes de outubro cun estudo desta folla de grao, que terá lugar esta tarde ás 20 horas na sala de exposicións de San Francisco de Ourense.

Justo Carnicero Méndez-Aguirre será o encargado de explicar o interese deste documento, que será una das pezas que formará parte da exposición ‘O Padre Feijoo, cidadán libre da República Literaria’, organizada tamén polo museo e que se poderá visitar proximamente no Centro Social Afundación de Ourense.

A importancia desta folla de grao, defendida no convento de San Vicente de Salamanca, reside en ser o primeiro documento impreso do Padre Feijoo, pensador e ensaísta do que tan só ao longo do século XVIII, segundo Marañón, chegaron a imprimirse 420.000 volumes. As primeiras noticias sobre este documento ofrécenas uns manuscritos anteriores, os libros de Matrícula da Universidade, nos que o Padre Feijoo aparece xunto a outros compañeiros.

O Padre Feijoo a través do audiovisual
No marco da programación conmemorativa arredor do pasamento do Padre Feijoo, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense realizou unha peza audiovisual para divulgar o legado do ilustrado ourensán, centrado na súa vinculación coa cidade das burgas.

‘O Padre Feijoo, o pensamento vivo dun ilustrado ourensán’ é o título da que constitúe a segunda entrega da serie de curtametraxes ‘As viaxes do Capitán Gardador’. A súa estrea tivo lugar onte no Centro Cultural Marcos Valcárcel, nun acto que contou coas intervencións do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e mais do director do arquivo, Pablo Sánchez.

Unha viaxe a través de obras e documentos
Nesta ocasión, o capitán Xan de Baldriz convida a cidadanía a realizar unha viaxe a través dos documentos que custodia o arquivo para destacar a importancia da figura do Padre Feijoo e a do seu legado no panorama intelectual español do século XVIII, así como a alta estima que se lle profesou en Galicia e fora dela ao longo do tempo.

Os fondos do AHPOu guían o espectador polos lugares e momentos relacionados coa vida e a obra do sobranceiro pensador galego e polas distintas homenaxes que se lle tributaron en Ourense durante os séculos XIX e XX. A través de documentos de diversas épocas, a peza percorre algúns dos espazos vitais do monxe beneditino, como a casa natal de Casdemiro, e afonda no seu pensamento a través de antigas edicións das súas obras conservadas na biblioteca do arquivo.

O capitán Baldriz tamén amosa os abundantes testemuños documentais conservados no AHPOu relativos ao concurso de ideas, ao encargo e ao proceso de fabricación da estatua dedicada ao Padre Feijoo, a primeira que se erixiría na cidade de Ourense, así como aqueles outros nos que se reflicten os grandes fastos que acompañaron a súa inauguración en 1887.

Pensamento crítico e moderno
O AHPOu garda na súa biblioteca varios exemplares de edicións antigas do ‘Teatro Crítico Universal’ e das ‘Cartas Eruditas’, exemplos do pensamento crítico moderno e que se consideran iniciadoras da Ilustración española. Tamén se conservan no devandito arquivo distintos documentos relacionados coa familia do Padre Feijoo, radicada na vila de Allariz e no pazo da localidade de Santa Marina de Augas Santas.

Comparte