Nova: O irmandamento entre Galicia e Xapón cumpre 20 anos

01/12/2018
O irmandamento entre Galicia e Xapón cumpre 20 anos
O conselleiro de Cultura e Turismo viaxará a Wakayama, onde afondará nos vínculos que unen aos dous territorios, recorrerá unha parte do Kumano-Kodo e visitará varios templos da ruta
Wakayama (Xapón), 1 de decembro de 2018.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, inicia mañá domingo unha viaxe institucional á Prefectura de Wakayama co obxectivo de celebrar os 20 anos de irmandamento entre Galicia e Xapón e afondar nos vínculos que unen aos dous territorios. Ata o 5 de decembro, coñecerá unha parte do Kumano-Kodo, varios templos da ruta, manterá reunións a nivel institucional e participará no acto de celebración desta conmemoración, que terá lugar o vindeiro martes no Instituto Cervantes de Tokio.
Galicia e Xapón manteñen desde hai anos estreitos vínculos de colaboración. O Camiño de Santiago e o xaponés de Kumano-Kodo manteñen unha irmandade desde o ano 1998. Cómpre resaltar que o camiño xaponés, que une tres templos sagrados, foi declarado patrimonio da humanidade pola UNESCO en xullo de 2004. Así mesmo, a Comunidade galega colabora coa ruta xaponesa de Shikoku-Henro, asesorándoa no proceso para contar con este recoñecemento outorgado pola UNESCO.
Estes vínculos institucionais únense ao traballo levado a cabo por colectivos como a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón, que acaba de cumprir dez anos e foi unha das entidades distinguidas recentemente na última edición dos Premios Camiño de Santiago. De feito, a principios do pasado mes de novembro, a directora de Promoción de Turismo de Galicia da Consellería, Carmen Pita, acompañou aos membros e directivos deste colectivo na celebración desta efeméride, tendo en conta que na actualidade é un dos referentes xacobeos deste país asiático.
Incremento de peregrinos e turistas
Os nexos de unión entre Galicia e Xapón, cada día máis estreitos e profundos, están a contribuír a que o número de peregrinos xaponeses medre cada ano. De feito, nos últimos dez anos cabe salientar este importante incremento, posto que se pasou dos 300 en 2008 aos preto de 1.500 no que vai de 2018, o que supón que a cifra se multiplicase por cinco.
No ámbito turístico, ata outubro Galicia recibiu máis de 11.000 viaxeiros xaponeses, que realizaron máis de 19.500 pernoitas nos establecementos hoteleiros galegos. En 2012, as pernoitas tan só alcanzaban as 14.000, polo que nos últimos anos se incrementaron case nun 40%. Outro dato positivo do mercado xaponés é a estadía media nos establecementos hoteleiros, que se incrementou notablemente (un 20,6% máis) en relación ao 2017.