Nova: A ilustración galega é protagonista na Feira Internacional do Libro de Frankfurt
09/10/2014
A ilustración galega é protagonista na Feira Internacional do Libro de Frankfurt
O ilustrador Xosé Tomás ofrece dous obradoiros na feira, na que tamén participan estes días representantes de diversas editoriais galegas acompañados polo secretario xeral de Cultura
A Consellería apoia un ano máis a participación do sector editorial galego nesta cita internacional arredor do libro e pon ao seu dispor un stand para amosar os traballos máis recentes
Santiago, 9 de outubro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe coa difusión exterior da ilustración galega a través da Feira Internacional do Libro de Frankfurt, onde o ilustrador Xosé Tomás impartiu hoxe un obradoiro de dúas horas para amosar as posibilidades do libro ilustrado e achegarlle ao público unha mostra da ilustración en Galicia.
Co acompañamento institucional do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e ao abeiro da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (Agapi), o ilustrador Xosé Tomás participa estes días na Feira do Libro de Frankfurt, onde tamén impartirá un segundo obradoiro o 10 de outubro no marco da programación de actividades da feira.
Un ano máis, a Consellería Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia a participación da industria editorial galega nunha das feiras internacionais máis importantes do sector, que este ano se desenvolve na cidade alemá do 8 ao 12 de outubro.
Representantes de diversas editoriais galegas, como Ouvirmos e Hércules de Ediciones, xunto coa Asociación Galega de Editores, tamén participan estes días nesta cita co libro, que reúne máis de 7.000 expositores procedentes de máis dun centenar de países e que se espera que arredor de 445.000 visitantes, entre profesionais do sector e público xeral.
Libros galegos entre os mellores do mundo
O libro galego galego tamén foi protagonista na xornada de hoxe no acto de presentación do catálogo The White Rivens 2014, un listado das 200 melloras obras infantís e xuvenís do mundo, realizado pola Internationale Jugendbibliothek de Múnic, entre as que se inclúen o álbum ‘Nicomedes o pelado’ (Kalandraka) e ‘Galiño pelado’ (OQO editora).
Cos obxectivos de lle dar visibilidade á produción editorial galega e de favorecer un espazo para a actividade comercial entre os axentes galegos e os dos diversos países que participan no evento, a Xunta de Galicia habilita un stand no que se amosan este ano as novidades de Edicións Xerais, Editorial Galaxia, Baía Edicións, Kalandraka, KNS, Hércules Ediciones e Nova Galicia Edicións. Esta editorial xunto con Kalandraka, ademais da distribuidora Arnoia, contan con cadanseu stand na feira.
Apoio á proxección do libro e da literatura
Unha das principais liñas de promoción de obras galegas nos mercados exteriores é a asistencia ás feiras internacionais do libro, un programa promovido pola Consellería de Cultura e Educación en acordo coa Asociación Galega de Editores (AGE), que en 2014 inclúe a presenza de Galicia nas feiras de Boloña, de Buenos Aires, de Frankfurt e de Guadalajara (México).