Nova: Espazos Sonoros propón unha viaxe musical ata o renacemento italiano desde a Ribeira Sacra

10/10/2014

Espazos Sonoros propón unha viaxe musical ata o renacemento italiano desde a Ribeira Sacra

O tenor Marco Beasley, acompañado polos laudistas Fabio Accurso e Stefano Rocco, percorrerá varios séculos da música italiana nun concerto que terá lugar o 11 de outubro ás 19 horas na igrexa de San Vicente de Pombeiro, en Pantón

Antes do concerto realizarase unha visita guiada a esta xoia do románico

  • Marco Beasley & friends Marco Beasley & friends

Santiago, 10 de outubro de 2014.- O festival Espazos Sonoros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria propón para esta fin de semana un percorrido musical por varios séculos da música italiana da man do tenor Marco Beasley, que actuará o sábado 11 de outubro, ás 19 horas, nunha das xoias do románico da Ribeira Sacra.

A igrexa de San Vicente de Pombeiro, no concello lucense de Pantón, será o escenario deste espectáculo no que o poliédrico tenor italiano, acompañado polos laudistas Stefano Rocco e Fabio Accurso –fundadores os tres do conxunto Accordone–, interpretará o programa ‘As estradas do corazón’, unha viaxe ao corazón do Renacemento italiano.

Tarantelas e cancións tradicionais napolitanas, xunto coas máis intelectualizadas e delicadas frótolas renacentistas de autores como Tromboncino ou Marco Cara, compoñen un programa cheo de temperamento e contrastes, interpretado por unha das formacións máis aclamadas do panorama musical europeo.

O concerto é gratuíto e de entrada libre ata completar a capacidade. Previamente, ás 18 horas, realizarase unha visita guiada á igrexa de San Vicente de Pombeiro, situada nun enclave único e vizoso da Ribeira Sacra.

Obradoiro de música antiga
A próxima semana, Espazos Sonoros convida a cidadanía a se achegar á música antiga e aos seus instrumentos de tecla a través dun obradoiro que terá lugar o sábado 18 de outubro no pazo de Tor, no concello lucense de Monforte de Lemos, dirixido a todos os públicos. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 15 de outubro en actividades@espazossonoros.org.

Promovido pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, o ciclo de música e patrimonio Espazos Sonoros 2014, que dirixe Belén Bermejo, ofrece desde o 14 de setembro ata o 26 de outubro unha completa programación artística en espazos únicos das catro provincias galegas, que se pode consultar nas páxinas web espazossonoros.org e en cultura.gal.
 

Comparte