Nova: O CGAC acolle o proxecto musical Pablo Seoane Trem

11/10/2014

O CGAC acolle o proxecto musical Pablo Seoane Trem

O concerto é de balde, previa recollida de entradas no propio museo ou no Teatro Principal

  • Pablo Seoane Trem Pablo Seoane Trem

Santiago, 11 de outubro de 2014.- O Centro Galego de Arte Contemporáneo acolle o proxecto musical Pablo Seoane Trem, que forma parte das xornadas de Música Contemporánea, e que conta co apoio do Concello de Santiago, da Universidade compostelá e do Centro Nacional de Difusión Musical.

As Xornadas de Música Contemporánea aglutinan, ao longo de todo este mes de outubro, os traballos máis innovadores no terreo da composición e a interpretación musical contemporánea.

Dentro da sección ‘OFF Contemporánea’, mañá domingo ás 20,00 h, terá lugar a estrea absoluta e a presentación do conxunto Pablo Seoane Trem, un concerto gratuíto previa retirada de entradas no propio CGAC ou no Teatro Principal. O trío interpretará a composición ‘Festas do erro. Visións_ improvisacións sobre Francesco d’Assisi’ coas pezas escritasw para violín, piano e contrabaixo: ‘Pombal 15’, ‘Sobre gubbio’, ‘Quetzalcoátl’, ‘Cobra coral’, ‘Flora e paga’e ‘Madonna das harpías’.

No espectáculo, a corda e a madeira exploran os seus timbres máis desusados nunha trama de improvisacións baseada en nove composicións orixinais de Pablo Seoane. Nunha excursión polas imaxes e os ecos dun viaxeiro entre o son e o sentido, entre o humano e a marca incerta do seu límite, Francesco d'Assisi inspira o novo proxecto deste pianista, compositor e músico de jazz ferrolán.

Traxectoria profesional
Pablo Seoane naceu en Ferrol en 1968 e estudou música e filoloxía inglesa en A Coruña, Salamanca e Estados Unidos (Wake Forest, NC). Desde hai máis de quince anos desenvolve unha intensa actividade como pianista e compositor en distintas formacións, xeralmente vinculadas ao jazz e á improvisación libre. Ten composto música para teatro e levado a cabo tarefas docentes en diversas institucións.

Entre as súas últimas actividades figuran a xestión xunto a LAR Legido das jam-sessions semanais de improvisación libre no Café El Puente (Santiago de Compostela) e a dirección, en colaboración con Javier Turnes, duns multidisciplinares Encontros de Filosofía e Música‘Pensar a voces’ que se celebraron en Cee en 2012. Cabe salientar tamén, en 2014, a publicación do seu último traballo discográfico co Pablo Seoane Trio, Inópia, xunto a José Manuel Díaz e LAR Legido.

Agora, se cadra máis afastado do jazz, mais non da improvisación, Pablo Seoane estrea novo proxecto baixo o nome de Pablo Seoane Trem: unha agrupación de formación variable e con vocación de futuro que, nesta primeira oportunidade, estará formada polo seu creador e dous excelentes músicos de recoñecido prestixio na escena experimental ou de vangarda galega (e non só galega), a violinista Elena Vázquez Ledo e o contrabaixista Saúl Puga.
 

Comparte