Nova: Mike Hoolboom presenta tres das súas obras no CGAI

12/10/2014

Mike Hoolboom presenta tres das súas obras no CGAI

Grazas á colaboración co festival Curtocircuíto, o creador norteamericano compartirá cos espectadores as súas pezas 'Public Lighting', 'Damaged' e 'Tom'

Hoolboom é unha das grandes referencias do cinema experimetal a nivel internacional cunha traxectoria que transita entre o documental e a vangarda
 

  • Public lighting Public lighting
  • Tom Tom

A Coruña, 12 de outubro de 2014.- O Centro Galego de Artes de Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) da Coruña acolle este martes día 14 unha xornada especial dedicada ao cineasta canadense Mike Hoolboom, para a que se contará coa presenza do propio autor, considerado como unha das grandes referencias do cinema experimental a nivel internacional.

Inserida na sección Desencadres, que o CGAI dedica ao cine de vangarda, esta cita terá lugar grazas á colaboración co festival internacional Curtocircuíto de Santiago de Compostela, onde o creador acaba de presentar a primeira retrospectiva da súa obra en España. O encontro con Hoolboom desenvolverase arredor de dúas sesións –ás 18.00 e ás 20.30 horas– coa proxección de tres das súas obras.

A primeira delas, a longametraxe 'Public Lighting' (2004), proxéctase na Coruña coa nova montaxe que o artista realizou especificamente para a súa estrea no certame compostelán. A fita, que aborda a personalidade narcisista e obsesiva que constrúen os medios sobre as figuras públicas, ten sido descrita como 'meta-biopic' pola súa mestura de vivencias persoais con diferentes técnicas cinematográficas.

A segunda das sesións estará composta por 'Damaged' (2000), peza que ilustra o relato da vida dun home a través de fotografías, e 'Tom' (2002), mediametraxe sobre o realizador neoiorquino Tom Chomont na que el mesmo aborda con sorprendente franqueza a súa vida e a súa condición de seropositivo.

Produción compulsiva
No caso de Mike Hoolboom (Toronto, 1959), a súa diagnose como portador do VIH a finais dos oitenta marca tamén a súa vida e a súa carreira, desde que comezou a realizar filmes e vídeos de xeito compulsivo e a construír unha traxectoria que transita entre o documental e o cinema de vangarda. De feito, ten creadas máis de cincuenta obras e, malia que a maioría delas foron retiradas de circulación, unha ducia aínda está dispoñible para a súa visualización.

Os seus traballos teñen sido exhibidos en máis de catrocentos festivais, nos que obtivo trinta galardóns. Hoolboom foi recoñecido, ademais, co Premio Tom Berner ao servizo comunitario e con dous premios a toda unha carreira, o primeiro deles concedido pola cidade de Toronto e o segundo no Mediawave Festival (Hungría). Alén disto, é membro fundador do colectivo de proxección denominado Pleasure Dome e desempeñou o cargo de director artístico do Images Festival e de coordinador de cinema experimental no Canadian Filmmakers Distribution Centre.

Comparte