Nova: Novas actuacións na catedral de San Martiño de Ourense

14/10/2014

Novas actuacións na catedral de San Martiño de Ourense

O investimento da Xunta neste templo supera os 1,5 millóns de euros desde 2011

  • Basílica de San Martiño de Ourense Basílica de San Martiño de Ourense
  • O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, na catedral de San Martiño de Ourense O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na catedral de San Martiño de Ourense

Ourense, 13 de outubro de 2014.-  O presidente da Xunta,  Alberto Nuñez Feijóo, anunciou novas actuacións de acondicionamento e restauración na catedral San Martiño de Ourense que se realizarán no bienio 2014-2015 e que elevarán a aposta da Xunta pola Catedral de Ourense aos “xa máis de millón e medio de euros investidos desde 2011”. Neste punto, o titular do Goberno galego insistiu no compromiso “coa custodia e a protección dos bens artísticos que compoñen o noso acervo cultural”.

O titular do Executivo galego, visitou no serán de hoxe a Catedral de San Martiño de Ourense, declarada Monumento Nacional en 1931 “por un gran valor arquitectónico e cultural que a converte en emblema de Ourense, unha das provincias con maior patrimonio románico do territorio nacional e cerne da historia e tradición galegas”. Na súa visita, o titular do Goberno galego certificou a “boa marcha” das obras que se están a realizar.

Acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, o presidente debullou as actuacións previstas para este ano e o vindeiro que suporán un investimento de “preto de 450.000 euros” con cargo aos Fondos Feder.

Segundo explicou o titular da Xunta, as obras terán como obxectivo, por unha banda, “o acondicionamento do patio entre a nave e o edificio de coengos” que terá un investimento “duns 350.000 euros”; e por outra, informou Feijóo, “a vindeira semana o DOG publicará o anuncio de licitación do contrato de restauración da portada norte e limpeza da fachada que contará cun orzamento de máis de 93.000 euros”.

Capela de San Xoán
Ao fío do anuncio das novas actuacións, o mandatario galego comunicou tamén “o remate das obras de restauración da Capela de San Xoán que contaron cun orzamento próximo aos 300.000 euros”. A finalidade dos traballos, dixo o presidente, é “que a Catedral poida exhibir as súas cualidades artísticas e arquitectónicas en todo o seu esplendor”.

Na súa intervención, Feijóo tamén lembrou outras actuacións de rehabilitación xa rematadas como as obras centradas no Pórtico do Paraíso, grazas ás que “recuperou a súa policromía e aspecto orixinal”; as do Órgano maior “para devolverlle a súa ampla gama de rexistros sonoros”, ou outras obras menores de impermeabilización ou enlousado.

 

 

Comparte