Nova: Dous encontros literarios con Xurxo Souto e Suso Lista, en Venres nas librarías
15/10/2014
Dous encontros literarios con Xurxo Souto e Suso Lista, en Venres nas librarías
Esta nova iniciativa de dinamización do libro e da lectura chega o 17 de outubro aos concellos de Vigo e da Coruña, onde se presentarán as obras Contos do mar de Irlanda e Salseiros, respectivamente
Promovida pola Xunta de Galicia, pola Asociación Galega de Editores e pola Federación de Librarías, a campaña tamén conta cun concurso semanal nas redes sociais para a descuberta dun libro galego
Santiago, 15 de outubro de 2014.- A campaña de dinamización do libro e da lectura ‘Venres nas librarías, promovida polas consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Economía e Industria da Xunta de Galicia, xunto coa Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores (AGE), ofrece esta semana dous novos encontros literarios, que teñen como protagonistas as obras Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, e Salseiros, de Suso Lista.
No seu percorrido polas librerías de Galicia durante os meses de outubro e de novembro, o programa chega o 17 de outubro á libraría Cartabón de Vigo, onde terá lugar a presentación da obra Contos do mar de Irlanda, publicada por Edicións Xerais de Galicia. Ás 20 horas, o público asistente terá ocasión de se mergullar, da man do autor, nas historias dos mariñeiros galegos no Gran Sol que conforman a obra.
Unha hora antes, ás 19 horas, o FNAC da Coruña acollerá o encontro literario con Suso Lista, que presenta o seu libro Salseiros, da editorial Embora. Nel, o percebeiro cormeán, actor e guionista rescata máis de medio cento de relatos de mar que foi publicando nas redes sociais; historias fermosas ou tráxicas, cheas de humor ou de fantasía.
Encontros literarios nas librarías
Os títulos galegos publicados ao longo do último ano son os protagonistas desta nova iniciativa para o fomento do libro e da lectura. Arredor destas publicacións e dos seus autores e autoras, ‘Venres nas librarías’ propón encontros literarios en establecementos dedicados á venda e promoción do libro da Federación de Librarías de Galicia, que se desenvolverán durante os meses de outubro e novembro.
Os asociados da AGE son os encargados de elaborar a proposta de libros, de acordo cos autores e autoras, que forman parte da primeira edición do programa, no que poden participar librarías de todo o territorio da Federación de Librarías de Galicia. O calendario de Venres nas librarías, que inclúe títulos de Edicións Xerais, Edicións Embora, Hércules de Ediciones e Tosoxoutos, chegará ata o mes de novembro ás catro provincias galegas.
O calendario do programa pode consultarse na axenda de cultura.gal.
Concurso nas redes sociais
O programa tamén conta cunha vertente nas redes sociais de Cultura, en facebook e twitter, cun pequeno concurso semanal de pistas para a descuberta dalgún libro galego, co que se agasallará o lector ou lectora que o descubra. Para participar neste concurso, Andel do agasallo, en @conscultura co hashtag #andeldoagasallo e na páxina www.facebook.com/CulturaGalegaXunta iranse facilitando pistas para adiviñar de que libro se fala cada semana nas redes.