Nova: A música dos novos prodixios chega ao Mosteiro de Carboeiro e A Mezquita a través do ciclo ‘Camiños Sonoros’

11/07/2019
A música dos novos prodixios chega ao Mosteiro de Carboeiro e A Mezquita a través do ciclo ‘Camiños Sonoros’
Músicos dos Conservatorios de Santiago e Xinzo de Limia levarán as súas interpretacións de piano, clarinete e frautas travesas ata estes dous enclaves da Vía da Prata
O actor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Giuliano Lancelotti acompañará a estes mozos na Mezquita, engadindo sorpresas ao concerto
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2019.- O ciclo Camiños Sonoros, impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo, fai dobre parada esta fin de semana no Mosteiro de Carboeiro, en Silleda, e tamén na Mezquita, en Ourense, con tres novos concertos de mozos estudantes de conservatorios galegos, unha oportunidade para unir música e patrimonio e para gozar das interpretacións dos novos prodixios da música en escenarios de especial interese deste itinerario xacobeo.
A primeira cita da fin de semana será mañá venres, no Mosteiro de San Lorenzo de Carboeiro, en Silleda, ás 19,00 horas. Neste enclave único, Marta Rama Ferreira, alumna do Conservatorio Profesional de Santiago,interpretará un repertorio de piano, con composicións de Haydn, Bach, Ravel e Rachmaninoff.
O sábado, no mesmo escenario, ás 20,00 horas, os encargados de encher de música este espazo serán David Álvarez Martínez, Elba Vázquez Rodríguez e Sara Lama Opazo, alumnos do Conservatorio Profesional de Xinzo de Limia, cun programa para piano e frautas travesas, que inclúe temas de Franz Doppler, Arthur Mancini e Karl Eduard Goepfart. A continuación, o quinteto de frautas travesas de Elba Vázquez Rodríguez, Sara Lama Opazo, Aldara Rodríguez Alonso, Nicolás Casal Cid e Aixa González Alamino, interpretarán temas populares de Ravel e de Bizet.
O domingo, a cita musical trasladarase ata a igrexa de San Martiño na Mezquita. Alí, de novo serán os alumnos do Conservatorio Profesional de Xinzo de Limia os encargados das interpretacións musicais, coa participación do actor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, Giuliano Lancelotti, que engadirá algunhas sorpresas a este concerto, que comezará ás 20,00 horas.
José García González, ao piano, Xosé Fernández Serrano, clarinete, e Aldara Rodríguez Alonso, frauta travesa, serán os primeiros en interpretar temas de Coboflupi, Jost ou Shostakovich. A continuación, José García González, ao piano, tocará temas de Chopin, Albeniz e Turina, e por último, Hugo González Alamino, tamén ao piano, interpretará composicións de Mozart e Chopin, para rematar o programa musical do domingo.
Programación do Xacobeo 21
Todos os concertos son gratuítos e están dirixidos ao público xeral. Xa quedan poucas oportunidades para gozar de Camiños Sonoros, que está a percorrer 16 localidades da Vía da Prata cun total de 40 concertos. As últimas paradas están previstas en Allariz os vindeiros 19, 20 e 21 de xullo, en Vedra o 26 e 27 deste mes, e o ciclo rematará o seu percorrido o día 28 de xullo, nun concerto no Pico Sacro de Boqueixón.
Este programa conta coa participación de mais dun cento de estudantes de conservatorios galegos, coa dirección artística da pianista e xestora musical Andrea González. O ciclo forma parte da programación previa do Xacobeo 21 e inclúese no calendario do Plan Director do Camiño de Santiago, que prioriza melloras e diferentes accións de dinamización cultural nesta ruta en 2019.
PROGRAMA DESTA FIN DE SEMANA
Venres 12 de xullo. 19,00 horas
Mosteiro de Carboeiro, Silleda
Conservatorio profesional de Santiago de Compostela
Marta Rama Ferreira, piano
Sábado 13 de xullo. 20,00 horas
Mosteiro de Carboeiro, Silleda
Conservatorio profesional de Xinzo de Limia
David Álvarez Martínez, piano
Elba Vázquez Rodríguez, frauta travesa
Sara Lama Opazo, frauta travesa
Aldara Rodríguez Alonso, frauta travesa
Nicolás Casal Cid, frauta travesa
Aixa González Alamino, frauta travesa
Domingo 14 Xullo. 20,00 horas
Igrexa de San Martiño. A Mezquita
Conservatorio Profesional de Música de Xinzo de Limia
José García González, piano
Xosé Fernández Serrano, clarinete
Aldara Rodríguez Alonso, frauta travesa
José García González, piano
Hugo González Alamino, piano
Giuliano Lancelotti, actor