Nova: O teu Xacobeo impulsa este verán máis de 30 actividades gratuítas de divulgación astronómica por Galicia
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
23/08/2019
O teu Xacobeo impulsa este verán máis de 30 actividades gratuítas de divulgación astronómica por Galicia
A iniciativa titulada ‘O Camiño das Estrelas. As Estrelas do Camiño’, estende a experiencia divulgativa do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago aos concellos do Camiño de Santiago
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participa nunha observación de estrelas con telescopios profesionais hoxe ás 22,00 horas en Sanxenxo
As actividades continuarán en agosto e setembro con parada en concellos como Rianxo, Padrón, Ordes, Monforte de Lemos, Lalín ou Teo, entre outros
Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2019. - A Xunta, a través do programa O teu Xacobeo, impulsa este verán máis de 30 actividades gratuítas de divulgación astronómica en Galicia coa intención de levar a experiencia divulgativa e científica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela aos concellos da ruta xacobea.
Trátase de O Camiño das Estrelas. As Estrelas do Camiño, que inclúe varias accións como a que ten lugar hoxe e na que participa a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no paseo de Silgar de Sanxenxo a partir das 22,00 horas. Os asistentes a esta iniciativa poderán realizar observacións das estrelas con telescopios profesionais asesorados por persoal do Observatorio Astronómico Ramón María Aller.
Con esta iniciativa os profesionais do Observatorio poñen en valor a secular relación da Astronomía co Camiño de Santiago. O proxecto está encamiñado a promover o importante patrimonio natural e cultural como é a Vía Láctea e impulsa o turismo astronómico.
Tras o seu paso por Sanxenxo, o calendario de O Camiño das Estrelas. As Estrelas do Camiño continuará durante o mes de agosto e setembro, tras un exitoso mes de xullo con varias actividades. As vindeiras accións previstas serán o domingo 25 de agosto en Rianxo; o luns 26 en Padrón; o 27 de agosto en Ordes o 28 en Monforte de Lemos, o 29 de agosto en Lalín e o 30 de agosto en Alto da Agrela, no concello coruñés de Teo. As actividades comezarán ás 22,00 horas, agás en Teo, cando está prevista para as 21,30 horas.
No mes de setembro o calendario desta iniciativa continuará o día 4 en Ordes, o 5 de setembro no Pico Sacro, en Boqueixón; o 6 de setembro en Vedra, o 20 de setembro en Barbadás e Lalín. En todos os casos as actividades comezarán ás 21,30 agás en Barbadás e Lalín, que será ás 21,00 horas.
Xornadas en Pena Trevinca
Xunto á iniciativa O Camiño das Estrelas. As Estrelas do Camiño, ao abeiro de O teu Xacobeo tamén se impulsan proxectos coa astronomía como protagonista como o que se desenvolverá nos meses de setembro, outubro e decembro en Pena Trevinca, no concello da Veiga, en Ourense, un dos dous destinos Starlight cos que conta Galicia. Organizarase durante tres fins de semana e combinarán observación astronómica, música folk, relatorios...
Máis de 300 proxectos en toda Galicia
A iniciativa O teu Xacobeo promovida polo Goberno galego acolle unha ampla oferta de actividades para estender por toda Galicia os valores do vindeiro Xacobeo 21. O programa conta cun investimento de 4,7 millóns de euros para poñer en marcha 352 proxectos espallados por toda Galicia e deseñados por concellos, entidades sen ánimo de lucro e empresas galegas, convidando deste xeito á participación de toda a cidadanía e a descentralización da programación do próximo Ano Santo.
As actividades incluídas na programación de O teu Xacobeo abarcan temáticas como a difusión da cultura, o patrimonio, a gastronomía, o deporte e a arte de Galicia coa vista posta na promoción do Xacobeo 2021. Neste caso, as accións enfocadas cara ás actividades de astronomía pretenden promover o turismo astronómico e científico.