Nova: Venres nas librarías fai parada en Vigo coa presentación do novo libro de Ledicia Costas

23/10/2014

Venres nas librarías fai parada en Vigo coa presentación do novo libro de Ledicia Costas

O encontro literario coa autora viguesa na Casa do Libro xira ao redor da obra Escarlatina, a cociñeira defunta , Premio Merlín de Literatura Infantil 2014

  • Venres nas librarías Venres nas librarías

Santiago, 23 de outubro de 2014.- A escritora Ledicia Costas presenta mañá venres en Vigo o seu novo libro, ‘Escarlatina, a cociñeira defunta’ (colección Merlín de Xerais), no marco do programa de dinamización do libro e da lectura Venres nas librarías, promovido polas consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Economía e Industria da Xunta de Galicia, xunto coa Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores (AGE).

Esta “historia de humor macabro que estimula o apetito do lector e a curiosidade polo mundo da cociña” centrará o encontro literario, que se desenvolverá mañá, ás 20 horas, na Casa do Libro de Vigo. Dirixida a rapaces e rapazas de 11 anos en diante, a obra conta con ilustracións de Víctor Rivas e foi Premio Merlín de Literatura Infantil 2014.

Encontros literarios nas librarías
Os títulos galegos publicados ao longo do último ano son os protagonistas desta nova iniciativa para o fomento do libro e da lectura. Arredor destas publicacións e dos seus autores e autoras, Venres nas librarías propón encontros literarios en establecementos dedicados á venda e promoción do libro da Federación de Librarías de Galicia, que se desenvolverán durante os meses de outubro e novembro.

Os asociados da AGE son os encargados de elaborar a proposta de libros, de acordo cos autores e autoras, que forman parte da primeira edición do programa, e nel poden participar todas as librarías da Federación de Librarías de Galicia.

O calendario de Venres nas librarías, que inclúe títulos de Edicións Xerais, Edicións Embora, Hércules de Ediciones e Tosoxoutos, chegará ata o mes de novembro ás catro provincias galegas. O calendario do programa pode consultarse na axenda de cultura.gal.

Concurso nas redes sociais
O programa tamén conta cunha vertente nas redes sociais de Cultura, en Facebook e Twitter, cun pequeno concurso semanal de pistas para a descuberta dalgún libro galego, co que se agasallará o lector ou lectora que o descubra. Para participar neste concurso, Andel do agasallo, en @conscultura co hashtag #andeldoagasallo e na páxina www.facebook.com/CulturaGalegaXunta iranse facilitando pistas para adiviñar de que libro se fala cada semana nas redes.

Ledicia Costas
Ledicia Costas (Vigo, 1979) debutou como escritora na colección Fóra de Xogo coa novela ‘Unha estrela no vento’ (Xerais, 1999). Tamén é autora das obras ‘O corazón de Xúpiter’ (Xerais, 2012) e de ‘Recindo Gris’ (Xerais, 2014). O seu último traballo é ‘Escarlatina, a cociñeira defunta’, Premio Merlín de Literatura Infantil 2014.
 

Comparte