Nova: O concerto-obradoiro Brinca vai de aquí a acolá! pechará FalaRedes 2014

31/10/2014

O concerto-obradoiro Brinca vai de aquí a acolá! pechará FalaRedes 2014

O actor e músico Paco Nogueiras comeza en Cambados unha xira coa que chegará a un total de 25 concellos

Dirixida a nenos e nenas de 6 a 9 anos e ás súas familias, pechará a edición 2014 do FalaRedes, que esta semana tamén levará os fados de Os sons do vento que pasa a Oleiros e a Verín
 

  • O concerto-obradoiro está baseado no libro-cd Brinca vai! O concerto-obradoiro está baseado no libro-cd Brinca vai!

Cambados  (Pontevedra), 31 de outubro 2014.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou esta mañá en Cambados o concerto-obradoiro infantil Brinca vai de aquí a acolá!, a sexta proposta de lecer en galego coa que o programa FalaRedes, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lle destina ao concellos que integran a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, pechará a edición de 2014 facendo as delicias dos nenos e nenas de 25 concellos.

Valentín García estivo acompañado na rolda de prensa por Luis Aragunde, alcalde da localidade pontevedresa, e polo actor e músico Paco Nogueiras, protagonista deste novo espectáculo baseado no libro disco Brinca vai!, que triunfa entre a cativada. Unha proposta na que a música, as cancións, o humor e o enxeño toman a palabra para convidar á creatividade e a viaxar ao longo dos doce meses do ano achegándolle á xente miúda da casa as tradicións, a natureza, os xogos ou as festas populares.

Achegar a língua
Tras o éxito colleitado ata o momento polas tres actividades infantís postas en marcha polo FalaRedes -o concerto Toc Toc, a obra de teatro As fabas máxicas e o concurso Os Bolechas e o Sabichón-, o secretario xeral explicou que esta nova proposta persegue o mesmo obxectivo: achegar a nosa lingua á cativada de xeito lúdico e divertido. "A música actúa unha vez máis como fonte de transmisión do galego ao promover que os nenos e nenas sigan cantando as cancións tras finalizar a actividade, na que cantan, bailan e brincan, gozando dunha auténtica festa no noso idioma", engadiu García Gómez.

Destinado a cativos e cativas de 6 a 9 anos e ás súas familias, no concerto-obradoiro o divertido artista Paco Nogueiras non tarda en conquistar o público a través dos atractivos ritmos dos que bota man. Coma sempre en FalaRedes, a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

De xira por 25 concellos
Da man do FalaRedes 2014, “Brinca vai de aquí a acolá!” chegará nos derradeiros meses do ano a 25 concellos da RDL da Xunta de Galicia. A primeira parada será este domingo na vila de Cambados, onde a xente miúda ten unha cita coa diversión en galego ás 18:00 h no Auditorio da Xuventude.

Tras esta agardada estrea, a actividade visitará en novembro os concellos de Aranga, Guitiriz, Palas de Rei, Redondela, Xunqueira de Espadanedo, Viana do Bolo, O Bolo, A Rúa, Cangas, Melón, Arbo, A Laracha, Boiro, Frades, O Vicedo e Melide. Xa en decembro, Paco Nogueiras e o seu característico chapeu farán parada en Viveiro, Boborás, Corcubión, Santa Comba, A Coruña, Ramirás, Bergondo e Forcarei.

Os sons do vento que pasa
Quen tamén continúa percorrendo en exclusiva os concellos da RDL no marco do FalaRedes é o concerto de fados en galego Os sons do vento que pasa, xa destinado ao público de todas as idades.

Nesta ocasión, Gonçalo Guerreiro e Dani Pais deleitarán coa súa música a veciñanza de Oleiros e Verín. No concello coruñés a cita será hoxe mesmo, ás 21:00 h na Fábrica, mentres que no ourensán actuarán mañá sábado, ás 20:00 h na Casa da Cultura.

FalaRedes 2014
Ata finais de ano, FalaRedes chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL a través de seis actividades con preto de 200 sesións gratuítas. Completa a programación desta terceira edición do programa a xincana Augalingua, que tamén concluíu con moi bos resultados a súa xira estival.

Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.
 

Comparte