Nova: Outono lírico 2014 ofrecerá un amplo programa de música e conferencias ao redor deste xénero

03/11/2014

Outono lírico 2014 ofrecerá un amplo programa de música e conferencias ao redor deste xénero

Vigo será escenario ata xaneiro de espectáculos de zarzuela e óperas, entre elas unha infantil

  • Lucia di Lammermoor, de Donizetti, interpretarase no ciclo Lucia di Lammermoor, de Donizetti, interpretarase no ciclo
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na presentación do Outono Lírico 2014 O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na presentación do Outono Lírico 2014

Santiago, 3 de novembro de 2014.- Outono Lírico 2014 presentouse hoxe coa asistencia do conselleiro de Cultura, Educación e Cultura, Xesús Vázquez Abad. Trátase dun ciclo que ofrecerá un amplo programa de citas musicais e conferencia en Vigo ata o mes de xaneiro grazas á colaboración, entre outras entidades, do departamento de Cultura da Xunta de Galicia, que reforza ademais nesta edición o seu apoio á cita. Na rolda de prensa estiveron presentes, así mesmo, a delegada da Xunta na cidade da oliveira, Mª José Bravo Bosch; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o presidente e vicepresidente da Asociación Amigos da Ópera de Vigo, Pedro Pablo Gutiérrez e Daniel Diz, respectivamente.

Durante a súa intervención o conselleiro salientou a importancia deste ciclo para enriquecer a oferta cultural da cidade “facilitando a chegada dun xénero, o lírico, que polas dimensións do espectáculo e o seu custe non adoita ter unha presenza moi asidua nos nosos escenarios, o que o converte nunha grande oportunidade para os afeccionados á música”. Así mesmo, e referíndose ao apoio do seu departamento ao ‘Outono Lírico’, sinalou esta cita como unha clara mostra de que a programación cultural da Xunta non esqueceu esta cidade. “Impulsamos a programación da Real Filharmonía e da Sinfónica en Vigo, e apoiamos iniciativas como a que hoxe presentamos, poñendo de manifesto que o que fai a Consellería de Cultura e Educación é, precisamente, ampliar a oferta a disposición dos cidadáns de toda Galicia, sen ningún tipo de discriminación”.

Vázquez Abad valorou, ademais, o feito de que a edición deste ano do ciclo inclúa no programa a representación da ópera infantil, ‘Guillermo Tell’. “Como responsable que son tamén do departamento educativo da Xunta de Galicia estou convencido de que a mellor forma de achegar a cultura á cidadanía e crear uns hábitos de consumo culturais axeitados é facelo desde as idades máis temperás”.

Citas musicais e conferencias
Organizado pola Asociación de Amigos da Ópera de Vigo, o ‘Outono Lírico 2014’ conta cun programa composto por citas musicais e mais conferencias arredor do xénero. Así o Teatro Sala de Concertos Afundación acollerá o 8 de novembro a representación da zarzuela de Vicente Leó ‘La Corte del Faraón’. Con dirección musical de Javier Corcuera e escénica de Lorenzo Moncloa, a interpretación correrá a cargo de Hevila cardeña, Carmen Aparicio, Carlos Crooke, Santos Ariño, Juan C. Barona, Paco Racionero e do coro e orquestra da compañía Nieves Fernández de Sevilla.

O día 21 de decembro presentarase no mesmo a ópera ‘Lucia di Lammermoor’, de Donizetti, cun elenco que inclúe á soprano María José Moreno Miguel Borrallo, Arturo Pastor e José A. García, así como as interpretacións da Orquestra Sinfónica Vigo 430 e do Coro Universitario de Vigo. A dirección musical será de Francisco Moya e a escénica de Ignacio García.

O ciclo musical rematará o día 11 de xaneiro coa adaptación a ópera infantil de ‘Guillermo Tell’, de Rossini, realizada pola compañía ‘La Baldufa’. O elenco estará conformado por Maria Planas, Marta Valero, Xavier Mendoza, Josep Ferrer, Emiliano Pardo, Ferrán López, Manel Ruiz, Jaume Cortadellas e Pau Vall.

No referido ás conferencias, comezaron o pasado 28 de outubro cun relatorio do director artístico do Teatro Real arredor dos modelos internacionais de xestión da ópera. O programa continuará o 11 de novembro cos críticos Arturo Reverter e Victoria Stapells, á fronte do relatorio ‘Kathleen Ferrier: Sentido y sensibilidad. La contralto que hizo llorar a Bruno Walter”; mentres que o 18 de novembro será a quenda do crítico e musicólogo José Luis Téllez con ‘Gluck’; e o 25 de novembro da blogueira Silvia Pujalte con ‘Desmitificado a Strauss’.

Xa no mes de decembro, e como previo á representación da ópera, celebrarase unha mesa redonda na que, baixo o título ‘Lucia: el deseo y la muerte’, contará coa participación de membros do elenco de ‘Lucia di Lammermoor’. A última das conferencias celebrarase o 13 de xaneiro, e nela o presidente da Asociación Amigos da Ópera de Vigo, Pedro Pablo Gutiérrez, afondará nas últimas óperas de Rossini.

Comparte