Nova: Presentada Memoria de abril, antoloxía poética de Francisco Fernández Naval

05/11/2014

Presentada Memoria de abril, antoloxía poética de Francisco Fernández Naval

O libro, editado en Nova York pola editorial Artepoética Press, reúne 207 pezas escolmadas da obra poética deste autor

  • Portada de 'Memoria de abril' Portada de 'Memoria de abril'
  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presenta en rolda de prensa a obra “Memoria de abril”, acompañado polo autor, Francisco Fernández Naval O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presenta en rolda de prensa a obra “Memoria de abril”, acompañado polo autor, Francisco Fernández Naval
  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presenta en rolda de prensa a obra “Memoria de abril”, acompañado polo autor, Francisco Fernández Naval O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presenta en rolda de prensa a obra “Memoria de abril”, acompañado polo autor, Francisco Fernández Naval
  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presenta en rolda de prensa a obra “Memoria de abril”, acompañado polo autor, Francisco Fernández Naval O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presenta en rolda de prensa a obra “Memoria de abril”, acompañado polo autor, Francisco Fernández Naval

Santiago, 5 de novembro de 2014.- A sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, acolleu a rolda de prensa de presentación da obra Memoria de abril, a antoloxía da obra poética de Francisco X. Fernández Naval publicada en Nova York pola editorial Artepoética Press. Nesta presentación aos medios participaron o secretario xeral, Valentín García Gómez, e mais o autor.

“Esta nova publicación en lingua galega no exterior é mostra da importante proxección do noso idioma propio no mundo. O feito de que unha editorial estadounidense aposte por dar a coñecer as obras dos nosos autores supón que as nosas letras gañen e consoliden un espazo de seu no marco do panorama internacional”, manifestou o secretario xeral.

Memoria de abril
Memoria de abril é unha antoloxía da obra poética de Francisco X. Fernández Naval, publicada pola editorial Artepoética Press de Nova York, que dirixe o profesor e escritor Carlos Aguasaco e que traballa o universo do lector hispano nos Estados Unidos. Un selo editorial que nos seus dous anos de vida xa conta cunha boa nómina de títulos e de autores no mercado.

O libro recompila 207 poemas, en versión bilingüe galego-castelán, seleccionados e traducidos pola profesora Teresa Seara, autora tamén do limiar da obra. Nel recóllense poemas dos traballos poéticos publicados polo autor: A fonte abagañada (1980), Pavillón habitado (1997), Días de cera (1999), Mar de Lira (2005), Miño (2008), Bater de sombras (2010) e Suite Dublín (2011). Foi presentado polo autor recentemente no Festival de Poesía que organizou a editora e que reuniu 60 autores de 15 países.

Francisco X. Fernández Naval
Francisco Fernández Naval (Ourense, 1956) é poeta e narrador. Recibiu o premio de poesía Cidade de Ourense (1980) por A Fonte Abagañada (1980) e Miño (2007), o Premio Xerais de Novela por O bosque das antas (1988) e o Premio Fiz Vergara Vilariño por Bater de sombras (2010). Como poeta tamén publicou Pavillón habitado (1987); Ara Solis (1996, edición bilingüe francés-galego e, posteriormente, castelán); Días de cera (1999) e Mar de Lira (2005). Ademais, é autor das novelas Tempo de crepúsculo (1993), Sombras no labirinto (1997), Unha cita no aire (2005) e Suso Espada, o misterio do Grial (2002), Suso Espada: Istambul e o cabaliño de ouro (2008) e A noite branca (2012, merecente do Premio Irmandade do Libro na categoría de Mellor libro galego de 2012, outorgado pola Federación de Libreiros) e dos libros de relatos Historias roubadas (1998), Lendas de hoxe, soños de mañá (2001) e Sete noites e un amencer (2003).

Como ensaísta publicou Respirar polo idioma –Os galegos e Julio Cortázar– (2006), editado en castelán en Bos Aires (2007). Escribiu guías e libros de viaxe como Unha viaxe na procura do solpor –Do Tambre á fin da Terra- (2000), A Coruña monumental e turística (2002), Muros, ronsel de pedra, espiral de mar (2003) e Pereiro de Aguiar y la Ribeira Sacra ourensá (2008). É coautor das guías patrimoniais das provincias da Coruña e de Ourense publicadas por Caixanova, así como de Galicia. Rutas con sabor, promovidas por El País-Aguilar. Destinado ao público infantil, escribiu o libro No corazón da fraga (2001), traducido ao castelán.

 

Comparte