Nova: A Biblioteca de Galicia acolle o fondo bibliográfico de Abanca
04/11/2014
A Biblioteca de Galicia acolle o fondo bibliográfico de Abanca
A colección privada da entidade financeira, formada por 3.214 documentos de gran valor, é unha das máis relevantes de Galicia e unha das destacadas a nivel estatal
Pola súa especial transcendencia destacan 66 incunables dos principais centros impresores do século XV, algúns deles exemplares únicos en España
Santiago de Compostela, 4 de novembro.- A Biblioteca de Galicia e Abanca presentaron hoxe o Fondo Bibliográfico desta entidade, cedido ao Gaiás para garantir a súa correcta conservación e o seu uso público. A Biblioteca convértese así en depositaria dunha das coleccións de fondo antigo máis destacadas da nosa comunidade autónoma: unha valiosa biblioteca formada tras unha coidada selección de incunables e obras dos séculos XVI a XIX relacionadas fundamentalmente con materias de Historia e Economía.
A colección privada da entidade financeira, formada por 3.214 documentos de gran valor, é unha das máis relevantes de Galicia e unha das destacadas a nivel estatal. Pola súa especial transcendencia destacan na colección 66 incunables dos principais centros impresores do século XV, algúns deles exemplares únicos en España, e once facsímiles entre os que se atopan obras de relevante valor como as Cantigas de Santa María de Alfonso X ou a Biblia de Kennicot, unha biblia hebrea escrita e ilustrada na Coruña no século XV.
A cesión deste patrimonio documental permite favorecer o acceso físico aos fondos dos cidadáns e os investigadores que o soliciten. Ademais, calquera persoa interesada poderá consultar os documentos a través de Internet, onde unha vez dixitalizados ocuparán un espazo específico e relevante dentro de Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o vicepresidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, presentaron este martes os fondos que cedeu o banco nun acto que tivo lugar na Cidade da Cultura, espazo no que se sitúa a Biblioteca de Galicia e onde a partir de agora se expoñen ao público de maneira permanente estas xoias bibliográficas.
Compromiso de ABANCA coa cultura
Durante o acto, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que cada galego que acuda á Biblioteca de Galicia poderá experimentar o orgullo de formar parte dun pobo de lonxanas raíces. “Revitalizará o seu parentesco con figuras senlleiras. Saberá que el tamén forma parte dunha longa peregrinación polo tempo. Será consciente, en suma da súa responsabilidade para dar continuidade a unha obra sempre inacabada chamada Galicia”, aseverou, ao que engadiu que este fondo fala tamén do compromiso pola cultura de ABANCA, e do seu interese por facer partícipes a todos os galegos dun inapreciable tesouro.
Deste xeito, resaltou que no Fondo de Economía descóbrense reflexións sobre Galicia nas que latexa un espírito de superación que debera servir de guieiro nos tempos que corren; na Colección de Autógrafos, móstrase a faceta máis humana de persoeiros que deixaron unha pegada intensa no noso temperamento; e os Incunables e Facsímiles dan fe dunha vida cultural efervescente, que sitúa o noso país sempre na vangarda de España e Europa.
Así mesmo, subliñou que o Fondo Histórico “posibilita un diálogo por enriba do tempo, con Antonio de Guevara, Felipe de la Gándara, Emilia Pardo Bazán ou Concepción Arenal”.
Patrimonio documental ao servizo da cidadanía
Juan Carlos Escotet Rodríguez, pola súa banda, destacou na súa intervención que “a cesión da colección de publicacións de ABANCA á Biblioteca de Galicia permite poñer a disposición de toda a cidadanía un patrimonio documental de gran valor que perde todo o seu sentido se non pode ser admirado e consultado por todas aquelas persoas interesadas en coñecelo, estudalo e divulgalo”.
O vicepresidente de ABANCA sinalou que “a coidada selección de documentos representa unha panorámica do saber desde o século XV ata principios do XX e achéganos unha visión da cultura entendida desde un punto de vista humanista”.