Nova: A Xunta publica o decreto de Ben de Interese Cultural da Terraza de Sada recoñecendo así o seu carácter sobranceiro

14/02/2020

A Xunta publica o decreto de Ben de Interese Cultural da Terraza de Sada recoñecendo así o seu carácter sobranceiro

A declaración supón un paso máis na protección e recoñecemento de novas tipoloxías arquitectónicas correspondentes a momentos históricos recentes

Este inmoble representa un caso único de conservación dos pavillóns modernistas en Galicia e forma parte da identidade e historia recentes da vila sadense

Como novidades, o decreto establece a necesidade de elaborar un proxecto ou plan integral de conservación e inclúe un novo plano que detalla con meirande precisión a delimitación do ben e o seu contorno de protección

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2020.- A Consellería de Cultura e Turismo vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto de declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) como ben inmoble coa categoría de monumento da Terraza de Sada. Un pavillón modernista comezado a construír no 1912 na Coruña, sobre un deseño probablemente do arquitecto Antonio López Hernández, destinado a quiosco dos xardíns de Méndez Núñez, e trasladado entre os anos 1919 e 1920 á praia urbana de Sada, onde continúa coa mesma función de servizo hostaleiro e recreo.

A declaración da Terraza, como a do Parque do Pasatempo de Betanzos, implica dar un paso máis na protección e recoñecemento patrimonial de novas tipoloxías e estilos arquitectónicos correspondentes a momentos históricos máis recentes e, até o momento, menos estudados e recoñecidos polo seu valor cultural sobranceiro. Supón a posta en práctica e a aplicación do previsto na Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia en todo o referido ao patrimonio arquitectónico.

Novidades e aplicación efectiva

Como novidades, o decreto establece a necesidade de elaborar un proxecto ou plan integral de conservación do monumento, que se axustará ao contido e ás condicións descritas nos anexos, e a publicación dun novo plano que detalla con meirande precisión a delimitación do ben e o contorno de protección do mesmo.

A partir de terse dado ao prelo no DOG, a Terraza contará cun réxime que implicará a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poña en perigo o monumento. Este réxime tamén implica o acceso de visitantes un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día.

Participación e mellora da declaración

O expediente de BIC foi incoado en abril de 2018, na súa tramitación recibíronse un total de catro alegacións e contou cos informes favorables do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega de Belas Artes.

Tanto as propostas das alegacións como os informes dos órganos consultivos foron analizados, valorados e tomados en consideración, total ou parcialmente, para a proposta de declaración definitiva. En especial, no referido á identificación gráfica do ben, cuestións relativas á súa protección e conservación, así como elementos de interese para a valoración dos usos actuais e futuros do inmoble.

En calquera caso, cómpre subliñar que todas as alegacións e os informes de órganos consultivos estiman e comparten a xustificación do recoñecemento e do valor cultural da Terraza de Sada e, polo tanto, a súa declaración como ben de interese cultural.

Uso e salvagarda dos valores culturais

O uso orixinal e actual é de hostalaría e outros complementarios relacionados co lecer e a cultura. Estímase axeitada a continuidade destes usos tanto para a súa axeitada interpretación como a mellor forma de manter a súa autenticidade. En calquera caso, os usos culturais ou de actividades de lecer que sexan compatibles coa conservación da súa distribución e características espaciais e construtivas tamén estímanse tamén apropiados e enriquecen a posibilidade de acceso a unha pluralidade de persoas interesadas.

Finalmente, a protección do ben implica que as intervencións que se pretendan realizar terán que ser autorizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

Testemuño singular do Modernismo

A Terraza é un testemuño singular dos pavillóns ou quioscos modernistas típicos dos anos 20 e representa un caso único de conservación dos inmobles desta tipoloxía e función na Comunidade Autónoma, ao ter sobrevivo á desaparición case absoluta dos seus coetáneos, dos cales existiron abondosos exemplos. Trátase, ademais, dunha construción sobranceira para Galicia polos seus extraordinarios valores culturais e unha dimensión social significativa asociada á identidade e historia recente da vila sadense.

Construída principalmente en madeira e vidro, coas formas e cores do modernismo. A linguaxe arquitectónica empregada combina a versatilidade dun espazo diáfano co emprego dun estilo urbano e actual, enlazado coa tendencia europea da época e co claro obxectivo de diferenciarse da arquitectura histórica e a institucional. A súa tipoloxía foi orixinal pola novidade que supuña para unha sociedade urbana o uso de espazos públicos relacionados cos cambios urbanos, así como das comunicacións e os estándares da calidade de vida.

O concepto é esvelto, lixeiro, aberto e luminoso; e a decoración profusa en adornos xeométricos. A medida que variaron os seus usos ‒sempre sociais e de ocio‒ o edificio foi evolucionando e ampliándose, incorporando mesmo un salón de baile diáfano rodeado de paneis acristalados de cores vivas. En calquera caso, considérase que as modificacións espaciais e funcionais realizadas ao longo da súa historia non deturpan os seus valores e a súa singularidade.

Comparte