Nova: Accións de conservación e promoción do Camiño Norte no concello de Friol
15/11/2014
Accións de conservación e promoción do Camiño Norte no concello de Friol
Santiago, 15 de novembro de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprometeuse co alcalde de Friol, Antonio Muiña Pena a emprender diferentes accións de conservación e promoción do Camiño Norte, ao seu paso polo tramo friolense e a planificar os investimentos que, dentro do marco orzamentario, sexan precisos. En principio procederase a sinalización correspondente, sobre todo na bifurcación entre o tramo antigo de Friol e o que discorre paralelamente máis ao norte. Tamén se contemplarán medidas conxuntas entre a consellería e o concello, encamiñadas á difusión do tramo, e accións de infraestrutura, unha das cales podería ser a construción dalgunha área recreativa e a mellora doutras existentes.
Cómpre salientar que a consellería tivo en conta as demandas do rexedor de Friol quen, despois de que inicialmente se barallaran modificacións no devandito tramo do Camiño Norte, polas cales o tramo friolense quedaba anulado, desprazándose mais ó norte, e froito de intensas xestións co propio ¡conselleiro, viu atendidas as súas peticións, polas cales foi realizado un novo estudo que veu recoñecer o vello trazado do tramo friolense. Este atravesa, ao longo duns vinte quilómetros, as parroquias de Seixón, Miraz, Anxeriz, Anafreita, Nodar e Silvela. Este trazado, que se percorre dende hai 24 anos, chega de Begonte a Seixón, e despois de pasar por Guitiriz discorre por terras friolenses ata o municipio coruñés de Sobrado dos Monxes.
Ao considerar o concello de Friol que a coexistencia co novo trazado vai causar prexuízos ao vello tramo, o alcalde solicitou unha entrevista co conselleiro para demandar un “esforzo compensatorio” ao que finalmente se chegou tras a xuntanza.