Nova: A Xunta colabora co Concello da Pobra do Brollón para levar a cabo a segunda campaña arqueolóxica en Os Conventos

06/07/2020
A Xunta colabora co Concello da Pobra do Brollón para levar a cabo a segunda campaña arqueolóxica en Os Conventos
A Consellería de Cultura achegará máis de 18.500 euros para a contratación do equipo multidisciplinar que comezará a traballar no xacemento a mediados de xullo
A Pobra do Brollón (Lugo), 6 de xullo de 2020.- A Xunta de Galicia colaborará co Concello da Pobra de Brollón para darlle continuidade ás actuacións arqueolóxicas comezadas o ano pasado no lugar de Os Conventos, na parroquia de San Mamede de Vilachá de Salvadur. A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, destinará un orzamento de 18.510 euros para contratar un equipo multidisciplinar que comezará a traballar no xacemento na segunda quincena de xullo. A Asociación de Veciños de Vilachá encargarase de rozar o acceso ao xacemento e o Concello ocuparase dos gastos de loxística da campaña.
Trátase da segunda actuación realizada neste xacemento, que se atopa sobre un esporón rochoso que separa o Val do Frade da valgada pola que discorre o regato de Transmonte e conta cunha grande potencialidade arqueolóxica. A nivel de protección, este lugar está dentro do ámbito territorial da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, declarada de interese cultural polo Decreto 166/2018, do 27 de decembro.
Exhumación, limpeza e divulgación
O obxecto da contratación é a realización dos traballos necesarios para continuar a investigación e documentación de Os Conventos. A actuación consistirá nunha escavación arqueolóxica duns 40 m2, na que se exhumaran en planta varias das dependencias alí existentes para coñecer a súa cronoloxía e funcionalidade. Tamén se levará a cabo a limpeza dos paramentos mellor conservados que semellan conforman o perímetro occidental e suroccidental da antiga edificación.
Ademais da propia intervención arqueolóxica, tense previsto levar a cabo diferentes accións de divulgación dos traballos arqueolóxicos realizados a través dun ciclo de conferencias no conxunto etnográfico das adegas de Vilachá. Así mesmo, acometerase a gravación e edición da serie documental Adegas da Memoria e a súa tradución ao inglés; a intervención dálle continuidade ao proxecto etnoarqueolóxico homónimo, que busca a recuperación da memoria colectiva da parroquia de Vilachá, en plena Ribeira Sacra.
Singular iniciativa local
No ano 2019 levouse a cabo nesta paraxe unha actuación arqueolóxica promovida polo Concello da Pobra do Brollón e a Asociación de Veciños de Vilachá baixo o proxecto denominado Adegas da Memoria. Buscábase recadar datos empíricos sobre a orixe do monacato medieval no canón do río Sil e da paisaxe vinícola asociada.
Esta campaña permitiu constatar o excelente estado de conservación das estruturas visibles en Os Conventos, realizadas en pedra seca, seguindo a técnica tradicional. Documentouse unha ocupación medieval, na que se identificou unha primeira fase consistente nunha edificación cinguida por grandes muros perimetrais que se estende por un esporón rochoso e onde se fixo un esforzo notable de nivelación para habilitar unha superficie relativamente chá e que podería asociarse cos restos do mosteiro de San Martiño de Piñeira.
Nun segundo momento, datado no século XIII, o espazo subdividiuse en estancias de pequeno e mediano tamaño que poderían relacionarse coa creación dunha granxa por parte dos monxes cistercienses de Montederramo, na que se procesaba, se almacenaba e se vendía o viño. Finalmente, nunha terceira fase, construíronse os socalcos para a explotación de viñedos. Cómpre destacar desta campaña a localización dun enterramento no interior dunha das estancias, cuxa datación por carbono-14 fornece un contexto cronolóxico claro no século X, e que podería relacionarse coa necrópole altomedieval do antigo mosteiro de San Martiño de Piñeira.