Nova: A Xunta adapta as bases das súas axudas á produción audiovisual para ampliar prazos e dotar de liquidez as empresas

12/08/2020
A Xunta adapta as bases das súas axudas á produción audiovisual para ampliar prazos e dotar de liquidez as empresas
- Esta medida do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico facilitará os pagamentos anticipados ás producións e coproducións subvencionadas na convocatoria de 2019 para facerlles fronte aos efectos da crise sanitaria
- Modifícase no mesmo sentido a convocatoria de 2018 para unha obra audiovisual do Xacobeo 2021, da que foi beneficiaria a serie ‘3caminos’
- O DOG tamén publicará esta semana cambios relativos ás subvencións a creación escénica deste ano, prolongando os límites temporais tanto para as estreas dos espectáculos como para as xustificacións
Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2020.- A Xunta de Galicia avanza na adaptación ao contexto actual das súas convocatorias de subvencións ás industrias culturais no marco do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19. A prioridade é facilitarlles ás empresas adxudicatarias o cumprimento dos requisitos inicialmente esixidos para a concesión e xustificación destas axudas, finalidade coa que esta semana se publican no Diario Oficial de Galicia (DOG) tres modificacións referidas ás bases para producións e coproducións audiovisuais do ano 2019, para a produción dunha obra audiovisual cara ao Xacobeo 2021 de 2018 e para creación escénica de 2020.
No primeiro dos casos, a resolución publicada hoxe recolle unha reformulación extraordinaria da convocatoria de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, encamiñada fundamentalmente a dotar de liquidez as 17 empresas adxudicatarias da convocatoria de 2019. Neste sentido, facilítaselles o cumprimento dos requisitos para a consecución do pagamento anticipado do total da anualidade de 2020, ademais de aumentar de tres a catro as anualidades nas que se distribúe a achega económica total de dous millóns de euros e de ampliar os seus prazos de xustificación: do 15 de setembro ao 30 de novembro deste ano na modalidade D (curtametraxes) e do 15 de setembro de 2021 ao 15 de xuño de 2022 no resto: longametraxes cinematográficas de ficción, animacións e documentais e películas ou series para televisión.
2,5M € na convocatoria de 2020
Ademais, nestes momentos está a ultimarse o procedemento de concesión da convocatoria a producións e coproducións audiovisuais do ano en curso, que incrementou o seu orzamento ata os 2,5 millóns de euros, un 25% máis que o ano pasado, manténdose como a liña de subvencións a este sector con maior dotación de todas as xestionadas anualmente pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Así mesmo, o DOG publicou onte a modificación relativa á convocatoria extraordinaria de 2018 para o desenvolvemento de cinco proxectos e a posterior produción dunha obra audiovisual para fomentar os valores culturais do Camiño de Santiago cara á celebración do Xacobeo 2021. A produtora compostelá Ficción Producións resultou a adxudicataria final dunha subvención de 1,5 millóns de euros para a serie 3caminos, á fronte dunha produción internacional na que se implicaron compañías referentes como Amazon Prime Video ou Beta Films, e que foi unha das primeiras en retomar a súa rodaxe tras o estado de alarma decretado a causa do coronavirus.
Tamén neste caso se incrementan as anualidades, se facilita o pagamento anticipado da contía total correspondente a 2020 e se amplía ata o 15 de setembro do ano que vén o prazo de xustificación, ademais de retrasar a data límite da estrea ata maio de 2021.
Creación escénica
Por último, está previsto que este venres se anuncie no DOG unha terceira modificación de bases, correspondente á convocatoria de axudas á creación escénica de 2020, da que a pasada semana se fixo pública a relación das 29 propostas entre as que se distribúen 800.000 euros, un 23% máis que o ano pasado.
A reformulación céntrase aquí na ampliación da data límite de estrea dos espectáculos ata o 15 de maio de 2021 e do prazo de xustificación ata o 15 de xuño de 2021 para tres das catro modalidades: teatro, novo circo e maxia, nova creación e danza.