Nova: A Xunta potencia o patrimonio literario e musical galego en Noia a través do proxecto ‘Música Medieval en Camiño’

11/08/2020

A Xunta potencia o patrimonio literario e musical galego en Noia a través do proxecto ‘Música Medieval en Camiño’

  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe esta iniciativa de sete concertos a celebrar en lugares emblemáticos da localidade
  • Este ciclo que divulgará o patrimonio literario e musical galego enmárcase no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021
  • A Xunta potencia o patrimonio literario e musical galego en Noia a través do proxecto ‘Música Medieval en Camiño’

Noia (A Coruña), 10 de agosto de 2020.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe o proxecto ‘Música Medieval en Camiño’, enmarcado no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. Trátase dun ciclo de sete concertos que se celebrarán durante este mes en lugares emblemáticos do núcleo histórico de Noia como Santa María A Nova, a rúa do Curro e San Martiño.

 

'Música Medieval en Camiño'  ten como obxectivo potenciar o turismo na localidade e divulgar o patrimonio literario e musical galego como son as cantigas medievais para a dinamización da lingua galega propia da orixe do camiño. Para conseguilo, en cada un deses tres espazos interpretaranse dúas pezas con voz e autoacompañamento instrumental cunha reprodución dos instrumentos do pórtico de San Martiño. As pezas forman parte da lírica galaico-portuguesa propia do nacemento do Camiño de Santiago.

 

Esta iniciativa enmárcase no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, unha das principais medidas que contempla a Xunta de Galicia no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da crise sanitaria provocada pola Covid-19. Cun investimento de 3 millóns de euros este fondo busca preservar a actividade e o emprego e xerar contidos de calidade a disposición de todos os galegos. As disciplinas apoiadas inclúen a lingua, as artes escénicas, teatro, danza, música, artes plásticas, literatura, divulgación, patrimonio ou o turismo cultural, entre outros.

 

 

 

Comparte