Nova: A Xunta licita a restauración das torres de San Martiño e das Campás e a fachada occidental na Catedral de Ourense

17/08/2020

A Xunta licita a restauración das torres de San Martiño e das Campás e a fachada occidental na Catedral de Ourense

O proxecto, que tamén inclúe actuacións no nártex e os patios laterais, ascende a preto de 400.000 euros e resolverá boa parte dos afeccións prioritarias do templo

Unha vez adxudicado o contrato, as obras terán unha duración máxima de seis meses e permitirán, entre outros aspectos, realzar a contemplación do Pórtico do Paraíso grazas a unha nova iluminación

Estas accións dan continuidade aos investimentos realizados pola Consellería de Cultura e Turismo neste BIC e que superan os 2M€

  • Visita virtual á Catedral de Ourense

Ourense, 17 de agosto de 2020.- A Xunta de Galicia vén de licitar hoxe cun investimento de 394.000 euros obras de conservación e mellora de diversos ámbitos da Catedral ourensá, que inclúen a fachada occidental, o nártex, as torres de San Martiño e das Campás e dous patios laterais delimitados pola nave central, as naves laterais, a zona do coro e as torres. Un investimento que se suma aos máis de 2M€ que a Consellería de Cultura e Turismo leva investido durante a última década neste ben.

Unha vez adxudicadas, as obras terán unha duración máxima de seis meses e con elas solucionaranse algunhas das patoloxías prioritarias do templo, de cara a evitar un maior deterioro deste, permitir a súa utilización e mellorar cuestións relativas á visibilidade dos seus elementos patrimoniais singulares. A devandita intervención está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

 

Intervención na fachada occidental

Ao respecto da fachada oeste, ademais da reposición de faltas e os traballos de limpeza, preconsolidación, consolidación e selado, desmontarase e retirarase unha trazaría de pedra do século XVI, trasladándose para a súa exposición nun lugar axeitado, e procederase á desmontaxe dunha vidreira colocada no século XX no rosetón do corpo superior.

Polo que respecta á trazaría pétrea, estamos diante dunha intervención histórica que é preciso reformular para mellorar a apreciación dos elementos escultóricos da portada románica, axudando así a unha mellor interpretación do conxunto. Neste sentido, cómpre dicir que a trazaría afecta fisicamente e impide a correcta lectura da decoración románica do pórtico exterior da fachada, xa que interrompe, á altura da cintura a contemplación das figuras que o compoñen.

Ademais, como quedou dito, procederase á desmontaxe dunha vidreira contemporánea situada no rosetón do corpo superior, ao entenderse que conta cunha presenza excesiva debido aos perfís de aluminio que a definen. Deste elemento almacenaranse aqueles vidros que se consideren de interese. Posteriormente, procederase á instalación dunha nova carpintería de latón na que a Diocese de Ourense instalará a nova vidreira.

 

Actuacións no nártex e torres

No nártex, acometerase a substitución da iluminación do Pórtico do Paraíso por unha iluminación que mellore o impacto visual das existentes e a súa eficiencia enerxética; restauraranse as portas de madeira de acceso e realizaranse dúas catas na base da torre das Campás para investigar a orixe das humidades presentes nesta zona.

Polo que respecta á torre de San Martiño e a torre das Campás realizarase unha limpeza e rexuntado xeral das mesmas; acometerase a restauración ou substitución das carpintarías, procedéndose á protección dos ocos e, ademais, naqueles lugares con cornixas e repisas susceptibles de filtración de auga ou acumulación de sucidade, colocarase unha chapa de cobre e medidas antiaves. Finalmente, nos patios laterais, substituirase a cuberta plana existente por unha cuberta invertida con acabado superficial de pedra granítica e realizaranse pequenas reparacións das carpinterías e da instalación eléctrica.

 

Máis de oito séculos de historia

Consagrada en 1188, o templo é de planta de cruz latina, con tres naves que na súa orixe terían tres ábsidas, da que só se conserva a central, composta á súa vez por cinco absidiolas. A súa cubrición realizouse con bóveda de cruzaría cuadripartita. Entre 1499 e 1505 encárgaselle a Rodrigo de Badajoz levantar o ciborio octogonal, que se ofrece no exterior mediante tres corpos, sendo o último unha galería aberta coroado cunha crestería e pináculos que lle confiren unha maior ascensionalidade.

Como espazos sobresaíntes debemos mencionar a capela Maior, a capela do Santo Cristo, o Pórtico do Paraíso e o Museo Catedralicio. Non obstante toda a catedral merece atención, comezando polo deambulatorio, que consta de varias capelas, entre as que cómpre destacar a da Asunción ou dos Argiz, que no seu interior alberga a capela do Cristo dos Desamparados; ou a lateral norte, coa capela da Virxe das Neves. Polo seu carácter sobranceiro, a Catedral de San Martiño goza a consideración de ben de interese cultural.

 

 

Comparte