Nova: A Xunta licita a restauración e conservación da igrexa de Santa María de Lamas en Boqueixón por máis de 120.000 euros
15/09/2020
A Xunta licita a restauración e conservación da igrexa de Santa María de Lamas en Boqueixón por máis de 120.000 euros
Vense de publicar a contratación destas intervencións cunha mellora dun 10% respecto do orzamento da licitación lanzada no mes de xuño
Preténdense mellorar fundamentalmente problemas de humidades que afectan tanto á cuberta como aos pavimentos e carpinterías nun prazo de oito semanas
Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2020.- A Xunta de Galicia vén de licitar a conservación, mantemento e rehabilitación na igrexa de Santa María de Lamas, en Boqueixón, por máis de 120.000 euros. A contratación mellora nun 10% o orzamento do procedemento lanzado no mes de xuño.
O proxecto pretende mellorar os problemas de humidades que afectan á cuberta, pavimentos e carpinterías. Por iso, entre outras actuacións realizarase a limpeza manual de toda a cuberta de tella, substituíndo pezas danadas e incrementando a ventilación baixo cuberta, fundamentalmente na zona de cúpula, ademais de completar os remates de chumbo na cubrición de pedra do frontón. Tamén se prevé demoler o pavimento de terrazo actual baixo control arqueolóxico así como limpar os paramentos exteriores, pintar as zonas revocadas con pinturas de silicato e repoñer pezas danadas da carpinterías, entre outras.
Ademais, nas zonas onde existen pinturas murais procederase a realizar unha toma de datos e analíticas para realizar unha avaliación do seu estado de conservación e, no seu caso, unha proposta de intervención de urxencia. O prazo máximo de execución das obras será de oito semanas.
Para poder desenvolver os traballos necesarios, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Arquidiócese de Santiago de Compostela asinaron un convenio de colaboración para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións no monumento.
Ben singular
Con estas actuacións o Goberno autonómico continúa reforzando o seu compromiso por poñer en valor e recuperar o patrimonio galego. Neste caso, a igrexa de Santa María de Lamas é un ben singular do concello de Boqueixón, de estilo barroco e nave de planta de cruz latina, construída no século XVIII e que destaca polas súas dimensións e concepción arquitectónica. As pinturas das bóvedas e a cúpula xunto á torre presentan unha tipoloxía repetida durante a primeira metade do século, baseada nos campanarios barrocos.