Nova: Chega a Compostela a mostra inspirada no Camiño de Santiago na que participan 12 dos artistas galegos máis destacados

06/10/2020
Chega a Compostela a mostra inspirada no Camiño de Santiago na que participan 12 dos artistas galegos máis destacados
Ata o 25 de outubro, poderanse contemplar 23 pezas pictóricas, escultóricas e fotográficas de autores de diferentes xeracións e estilos
Manuel Buciños, Menchu Lamas ou Acisclo Manzano son algúns dos creadores das pezas pictóricas, escultóricas e fotográficas, todas elas asociadas co Camiño
Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2020.- O secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), Manuel Quintana Martelo, inauguraron hoxe na sede do Museo do Pobo Galego a mostra Facer Camiño que se poderá visitar ata o vindeiro 25 de outubro. Trátase dunha exposición na que 12 dos máis destacados artistas galegos asocian a arte co Camiño de Santiago e que chega á capital galega logo do seu paso por Vigo, A Coruña e Lugo.
Durante a inauguración da mostra, Anxo M. Lorenzo salientou a capacidade de Facer Camiño para asociar “a expresión plástica e visual de hoxe cun dos elementos esenciais na conformación da nosa identidade: o Camiño de Santiago”. Nesta mesma liña, o representante da Xunta de Galicia destacou a importancia dos académicos que participan nesta “peregrinación artística”. “Trátase dunha nómina extraordinaria de artistas de diferentes xeracións que abordan a arte desde diversos medios expresivos e estilos e que comparten dúas características: formar parte da Real Academia Galega de Belas Artes e ser creadores recoñecidos e fortemente valorados”, afirmou.
Escolma do talento galego
A mostra, comisariada por Asunta Rodríguez, reúne unha escolma do traballo dos artistas galegos, todos eles pertencentes á RAGBA: Manuel Buciños, Ignacio Basallo, Xosé Díaz, Menchu Lamas, Xurxo Lobato, Acisclo Manzano, Din Matamoro, Manolo Paz, Soledad Penalta, Manuel Quintana Martelo, Rafael Úbeda e Miguel Anxo Prado.
Concretamente expóñense 23 pezas, entre as que se inclúen pinturas, esculturas e fotografías, enfiadas por citas e referencias á peregrinación xacobea e á súa meta de autores tan destacados como Dante, Federico García Lorca ou Vicente Risco.